A Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra logra o segundo posto no Campionato Galego
Por Redacción
O Kayak Tudense revaleu o seu título de campión autonómico ao impoñerse por clubs no Campionato Galego que se disputou en Verducido. O segundo lugar foi para a Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra e o terceiro lugar para As Torres Romería Vikinga.
A primeira cita importante da tempada rexistrou unha cifra histórica de participación, con máis de cincocentos padexeiros. Breogán do Grove e As Torres Romería Vikinga foron cuartos e quintos, respectivamente.
O campionato, que se disputou sobre a distancia de 5.000 metros, mostrou a fortaleza dos tudenses en varias disciplinas. Na modalidade de K-1, os seis primeiros en chegar á meta foron do Kaiak Tudense. Diego Piña, Víctor Rodríguez, Rubén Millán, Iván Alonso, Diego Domínguez e Roi Rodríguez entraron por esa orde, despois de manter unha intensa loita ata o tramo final da proba.
Na categoría feminina de K-1, Ana Varela, do Kaiak Tudense, e Tania Fernández, do Fluvial de Lugo, estiveron moi igualadas durante todo o percorrido. Nos últimos metros impúxose Ana Varela, demostrando ademais o seu bo momento de forma. Na terceira posición entrou a súa compañeira de equipo Carla Pérez.
Tono Campos e Diego Romero, ambos os dous do Breogán do Grove, dominaron en C-1. Dende os primeiros instantes afastáronse dos seus adversarios e foron superiores. Xogáronse o título ao final, con triunfo de Tono Campos por escasa marxe ante Diego Romero. Nas seguintes tres posicións entraron David Costa, ÿscar Graña e Manuel Garrido, os tres do Kaiak Tudense.
Na categoría feminina C-1, Raquel Rodríguez, do Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, confirmou os prognósticos que a colocaban como favorita. Impúxose a Cristina Noya, do Rías Baixas Boiro, e a Noelia Suárez, do Poio.
Tamén con autoridade gañou Sergio Vallejo, do Poio, na categoría xuvenil C-1. Na categoría feminina, a triunfadora foi Jennifer Casal, do Ciudad de Pontevedra. Na modalidade de K-1, a gañadora foi Raquel da Costa, o Pontecesures. Carla Sieiro, en K-1, do Naval de Pontevedra, e Antía Jacome, do Ciudad de Pontevedra, en C-1, foron as campioas galegas cadete.
En C-1 cadete foi Lorenzo Mondragón, do Boiro Conservas Pescamar, o que ocupou a primeira posición. En K-1, o triunfador foi Luis Rodríguez, do Portonovo.