Vitoria do Pontevedra ante o Villalbés para recuperar a confianza (1-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
O Pontevedra Club de Fútbol volveu sumar de tres este domingo diante dun Racing Villalbés que se despide de Segunda RFEF. Os granates, xa pensando na fase de ascenso, saltaron ao verde cun once moi difererente ao habitual, tal e como adiantara Yago Iglesias na previa, e só Churre, Bastos e Dalisson repetiron titularidade.
E aínda que non había nada en xogo, os granates saíron dispostos a ir a por a vitoria e recuperar as boas sensacións que deixaran atrás ao longo das últimas semanas. Custoulles, iso si. Os pases íanse demasiado longos e o verde estaba esvaradío, provocando algún que outro tropezo nos xogadores de ambos os equipos.
Así chegou ao minuto sete de xogo e o Pontevedra pasou a asediar por completa a área do Villabés. Borja probou fortuna desde o bordo da área, pero escorregou e foise desviado. Pouco despois, Guèye foise por banda dereita nunha gran xogada individual e deixoulla a Bastos entre centrais, pero se escoró demasiado e o defensa tirouse ben abaixo para despexar a saque de esquina. Minutos despois, volveron dar outro susto por medio do senegalés, pero o seu disparo foise demasiado centrado sen problemas para Santomé.
E á saída dun córner da parroquia visitante, o choque dinamitouse. Despexou Zabaleta de cabeza, Guéye deulla a Bastos e este abriu a banda esquerda para Dalisson. O brasileiro deixoulla ao 20 para que centrase e púxoa ao segundo pau, onde apareceu Toño completamente só para enviar á rede.
Non se relaxaron os de Yago Iglesias tras o gol e continuaron acumulando chegadas. A máis clara a balón parado cunha falta lateral que Borja colgou na área, pero o cabezazo de Rufo atallouno Santomé.
Estaba o Villalbés tendo problemas para xerar perigo en portería local e non foi ata o minuto 34 Vizoso interveu por primeira vez tras un córner que se embarulló dentro da área. Álex Pérez finalizou a xogada entre os tres paus, pero o gardameta granate fixo unha intervención providencial para manter 1-0.
Seguiron pasando os minutos e foi ao fío do descanso cando o Pontevedra dispuxo doutra gran ocasión para poñer máis terra polo medio, pero o disparo de Zabaleta desde o bordo da área foise rozando o traveseiro.
Tras o paso polos vestiarios chegaron os problemas para o cadro lerezano. O Villabés saíu disposto a reverter a situación e puido facelo nada máis comezar a segunda parte, pero de novo Manu Vizoso, cun dobre paradón, evitouno.
O que puido deixar o encontro practicamente sentenciado foi o Pontevedra no 51 e no 55. Pero non o non o fixo porque Rufo, no seu man a man con Santomé, non estivo acertado para definir, e porque o lanzamento de Dalisson desde a media lúa atrapouno o gardameta do Villalbés. Pouco despois tentárono tamén Barbeiro, que entrara no descanso, e Borja Domínguez, pero un defensor despexou a córner.
Axitou o banco Yago Iglesias cun triplo cambio e deu entrada a Hugo Padín, Jaichenco e Azael en lugar de Dalisson, Bastos e Guèye. E os efectos notáronse ao momento cun pase de Padín que Borja estrelou na madeira.
Entrou o partido no últimos dez minutos e o Villalbés envorcouse por completo en tarefas ofensivas, pasando a monopolizar a posesión e a acumular chegadas en área dun Pontevedra que tiña en Manu Vizoso un muro baixo paus.
Xa no desconto, os granates puideron liquidar o encontro pero Jaichenco e Rufo non estiveron acertados.
Consegue desta forma o conxunto lerezano acabar a liga regular con vitoria e recuperar así as boas sensacións para a fase de ascenso.
PONTEVEDRA CF (1): Manu Vizoso, Bastos (Jaichenco, min. 65), Hermelo, Churre, Toño Calvo (Barbeiro, min. 46), Borja Domínguez (Yelko, min. 84), Rufo, Samu Mayo, Dalisson (Hugo Padín, min. 65), Zabaleta e Guèye (Azael, min. 65).
RACING VILLALBÉS (0): Santomé, Diego López (Javi Rey, min. 56), David Buyo (Adri, min. 74), Quico, Javi Varela (Izan, min. 56), Jose V., Pablo Rey, Nathan, Torrado (Fito, min. 84), Álex P. e Uzal.
Árbitro: Gamaliel Escobar López, auxiliado en bandas por Emilio Manrique Hernando e Aitor Soriano Méndez (Canarias). Amoestaron a Toño Calvo (32') e Bastos (64') no Pontevedra e a Javi Varela (23'), Pablo Rey (29') e Fito (89') no Villalbés.
Goles: 1-0, Toño Calvo, min. 13.
Incidencias: Partido da xornada xornada 34 de liga no Grupo I de Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 1.394 espectadores.
Relacionadas:
-
Os números do Deportivo Aragón, un filial con "xogadores de moitísima calidade"
Por Diego Espiño |
-
O Deportivo Aragón, filial do Real Zaragoza, primeiro escollo para o Pontevedra no play-off
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Betis Deportivo, Deportivo Aragón, Lleida e Atlético Paso, posibles rivais do Pontevedra no play-off
Por Almu Dapena |
-
Yago Iglesias, tras o triunfo contra o Villalbés: "Queriamos competir ata o último día tendo en conta a xestión do plantel"
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O partido ante o Villalbés será unha "proba importante" para un Pontevedra que pensa no play-off
Por Almu Dapena |