O partido ante o Villalbés será unha "proba importante" para un Pontevedra que pensa no play-off
Por Almu Dapena
O Pontevedra Club de Fútbol afronta este domingo (12:00 horas) ante o Villalbés o último encontro de liga regular no que, aínda que non se xoga nada a nivel clasificatorio, tratará de volver coller boas sensacións para os play-off.
Niso incidiu o adestrador granate Yago Iglesias ao longo desta semana, sobre todo despois do empate ante o Fabril no que un dos goles encaixados produciuse nos últimos minutos de partido e a balón parado. "No último mes estamos a detectar que xeramos moito e non estamos a acertar, pero xérannos pouco e acertan", afirmou o técnico. "Esta semana centrámonos máis que nunca en nós e en analizarnos, buscamos a mellora e o crecemento do equipo" porque aínda que durante toda a tempada as cousas foron ben e o equipo "creceu moitísimo, aínda hai moitas cousas por mellorar".
É por iso que a do Villalbés será unha "proba importante" para o Pontevedra. É un rival que "se xoga todo" e, aínda que non se sabe o plan de partido que van utilizar, "nós temos que centrarnos en nós sabendo que en fronte hai un bo rival". É, ademais, "o último partido en casa de liga regular e queremos facelo ben, sobre todo despois do último partido que tivemos aquí", indicou.
Para o enfrontamento, conscientes do que se xogan a partir da semana que vén, Iglesias confirmou catro baixas fixas. Por tema físico están descartados Álex González, que leva semanas tocado e forzou ata o partido contra o Ourense CF, e Chiqui, que esta semana tivo unhas pequenas molestias e "non ten sentido forzar". Tamén están as baixas obrigadas por sancións como son a de Charly e Garay, con catro tarxetas cada un, o que fai que "teñamos que completar o persoal con xente do filial". A eles hai que sumar os xogadores que máis cantidade teñen de minutos ás súas costas e que, nun principio, terán descanso para a fase de ascenso.
Trátase, segundo no técnico, de "outra competición que nos vai a obrigar a ser os mellores de España". Por iso fai un chamamento á afección, máis aló dos "2.500 de media que van seguir aí", para que "se somen e veñan axudarnos. Todos queriamos ascender directos e agora somos conscientes de que temos un tramo máis longo e complicado" para o que "os necesitamos". O equipo "está convencido de que é complicado, pero podémolo conseguir. Esperamos que a afección nos axude porque isto é de todos".
Relacionadas:
-
Vitoria do Pontevedra ante o Villalbés para recuperar a confianza (1-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Toño Calvo defende a importancia do duelo fronte ao Villalbés "para recuperar sensacións" pensando no play-off
Por Diego Espiño |
-
Charly e Garay, 'obrigados' a descansar na última xornada de liga
Por Diego Espiño |
-
Mirando xa cara ao play-off: Formato, posibles rivais...
Por Diego Espiño |