Oitava posición para o Galaico no Nacional de Longa Distancia
Por Redacción
O Club Natación Galaico finalizou en oitava posición, dun total de 23 equipos, no Campionato de España de Natación de Longa Distancia en Piscina celebrado na localidade catalá de Mataró.
Ata alí desprazáronse catro nadadores do club pontevedrés, resultando a mellor clasificada Itziar Aranguren, cun sexto posto nos 5.000 metros.
Nesa mesma distancia Iria García finalizou oitava, mentres en categoría masculina Cristian Fernández e Iago Lorenzo concluíron na sétima e duodécima posición respectivamente.
SEGUNDA XORNADA DA LIGA DE PROMESAS
A piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur acolleu o pasado fin de semana a segunda xornada da Liga de Promesas e a cuarta da Liga Galega Alevín e Benxamín, coa presenza dos clubs de natación de Vilagarcía, Salnés, Ponteareas e Sanxenxo, ademais do propio Galaico.