Oitavo campionato España para Patricia Martínez e Adrián Esperón
Por Redacción
Unhas 500 parellas participaron durante o pasado fin de semana en Benalmádena (Málaga) no Campionato de España de 10 Bailes, no que os pontevedreses Patricia Martínez e Adrián Esperón volveron conseguir o título de campións, por oitava vez no seu historial.
O concurso tivo como escenario o Polideportivo Municipal de Arroyo de la Miel, en dous intensas xornadas, dende as sete da mañá ata pasadas as dez da noite, e estivo organizado pola Federación Española de Baile Deportivo coa colaboración do Concello de Benalmádena, cuxa alcaldesa, Paloma García Gálvez, presidiu o acto de clausura e entrega de premios, xunto ao presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó.
Adestrados por Miguel Abreu, dende os seus inicios na competición Adrián e Patricia non pararon de acumular títulos ao seu xa impresionante palmarés. O seu primeiro campionato de España remóntase ao ano 2008, na modalidade de Estándar, repetindo título nas edicións de 2010, 2011 e 2013. A estes catro entorchados suman outros catro, co desta edición, na modalidade de 10 Bailes.