Tripla vitoria do Enmacosa Monte Porreiro para achegase á permanencia
Por Redacción
Non podía ter resultado máis positivo o maratoniano fin de semana para o Enmacosa Monte Porreiro, no que tivo que afrontar ata tres encontros ligueron na División de Honra de Tenis de Mesa.
Os rapaces adestrados por Fernándeo Álvarez viaxaron a Andalucía e Extremadura para enfrontarse ao Hispalis de Sevilla, Universidad de Huelva e Almendralejo, sumando tres triunfos que os achegan ao obxectivo da permanencia.
No primeiro dos encontros, celebrado na mañá do sábado, os pontevedreses impuxéronse por un apertado 3-4 en Sevilla grazas ao dobres de desempate, mentres esa mesma tarde en Huelva repetían vitoria pero esta vez por un resultado de 2-4 despois de chegar ao pavillón apenas 15 minutos antes do choque.
Para finalizar a súa particular peregrinación, o equipo composto por Nacho Fernández, Dani Conic e Santi Prieto completou o triplete impoñéndose pola vía rápida, en menos de dúas horas, ao Almendralejo TM por 1-5.
Cos puntos sumados o Enmacosa ascende ata a quinta praza da clasificación, cunha renda de dez sobre as prazas de descenso aínda que con máis partidos disputados que os seus rivais directos.