Balóns fóra de Concello e Deputación ante a chamada de socorro do Teucro
Por Diego Espiño
"Si no tenemos ayuda el Teucro no pasa de junio". Así de contundente se mostrou o presidente de club pontevedrés, Carlos García-Alén, na asemblea de socios celebrada na noite do xoves.
O dirixente teucrista trasladou unha chamada desesperada de auxilio para evitar a desaparición do club, que necesita urxentemente 115.000 euros para afrontar os pagamentos de 2014, o que pasa por lograr a implicación de empresas privadas pero tamén por un maior respaldo por parte das institucións, segundo sinalou García-Alén.
Non obstante, preguntados a este respecto, Concello e Deputación de Pontevedra expresaron a súa preocupación polo momento que vive a entidade pero evitaron falar dun incremento no seu apoio económico fóra das subvencións actuais.
Así se expresaron o presidente provincial, Rafael Louzán, e o concelleiro de Deportes da cidade, Agustín Fernández.
Louzán gabou o "bo traballo" da directiva azul "intentando salvar a unha referencia deportiva histórica na cidade de Pontevedra", pero asegurou á súa vez que a Deputación é xa "a institución que máis colabora coa Sociedad Deportiva Teucro", recordando o ingreso de 35.000 euros do pasado mes de decembro, correspondentes á subvención anual, "para intentar salvar unha situación límite".
Pola súa banda Fernández, quen recordou a súa condición de socio do club, pediu "a cidadanía e ao tecido comercial de Pontevedra que bote unha man", porque "se non hai unha implicación absoluta das administracións e sobre todo da empresa e do comercio de Pontevedra a vida do Teucro está en perigo".
Esa axuda é necesaria, segundo o concelleiro, "porque igual que está en perigo a vida do Teucro tamén está moi preto a salvación, só fai falla atopar remedio a este ano 2014, moi duro a nivel económico por ter que pagar unhas cantidades moi importantes, pero que si se solventa probablemente no futuro económico hai que ser optimista".