Chamamento desesperado do Teucro para evitar a disolución do club
Por Ramiro Espiño
Transparente, clara e preocupante. Así foi a asemblea de socios da SD Teucro celebrada na noite do xoves nos salóns do Hotel Galicia Palace. Pouco máis dunha vintena de socios acudiron á convocatoria da directiva que preside Carlos García Alén, que fixo unha exposición exhaustiva da situación do club tras a conclusión do proceso concursal ao que se viu sometido, e do momento actual, cos pagamentos que hai que acometer de forma urxente que, en caso de non lles poder facer fronte, poñen en serio perigo a supervivencia da entidade teucrista.
Foron case dúas horas de reunión, das cales preto da metade as ocupou unha intervención detallada e minuciosa de Carlos García Alén, na que deixou frases tan rotundas como: "Si antes de mayo no encontramos una solución, tendremos que sentarnos para anunciar la disolución de la sociedad".
E é que o club necesita con carácter urxente polo menos 115.000 euros, para poder cumprir cos pagamentos correspondentes aos 215.784,26 euros da débeda concursal pendente da tempada actual, da que xa se fixeron efectivos 61.096,26 euros.
ÿ unha cifra que o propio García Alén considera "muy complicada de sacar adelante si no tenemos apoyos que yo entiendo que no hemos tenido hasta ahora". Desa cifra, 38.211,84 euros corresponden a acredores privilexiados, aos que se lles debe dende maio de 2013, mentres que en maio do presente ano 2014 será preciso pagar a débeda ordinaria, por importe de 78.944,64 euros, e no mes de xullo outros 35.000 euros á Axencia Tributaria, do crédito aprazado.
Carlos García Alén: ""Es una situación desesperada de la que nos tienen que sacar los políticos"
O presidente teucrista non dubidou en apuntar a única posibilidade dun apoio político para salvar este crítico momento: "Es una situación desesperada de la que nos tienen que sacar los políticos. Es un atentado contra nuestra historia que se deje morir al Teucro. A veces se invierte en eventos muy importantes, pero que sólo durán cinco días, y nosotros estamos aquí todo el año, representando a la ciudad".
Incrementando o ton da súa demanda, anunciou que "a todos los que tienen responsabilidad política les presentaré por registro un escrito explicándoles la situación y a ver qué excusa ponen para no apoyar al Teucro".
Entre as medidas que a directiva baralla para intentar solucionar o problema actual figura a de conseguir un patrocinio público ou privado de media tempada, por valor duns 50.000 euros, dirixirse ao tecido empresarial da cidade para tratar de obter ingresos por patrocinios ou publicidade, ademais de negociar cos acredores en busca dunha alternativa para, en caso de non contar con liquidez abondo para o pagamento da débeda concursal, acepten a condonación ou o pagamento da devandita débeda en contraprestación publicitaria ou patrocinio dalgún equipo da entidade.
A débeda total do Teucro tras o concurso de acredores achégase a 1.150.000 euros
Tamén se someteu a aprobación as contas da tempada 2012/2013, que se pechou cuns ingresos de 275.223,81 e uns gastos de 264.922,25 euros, o que deixa un superávit real de 10.301,56 euros, máis un resultado contable positivo doutros 528.221,37 euros, se ben este último, como ben explicou García Alén é simple consecuencia do rexistro contable derivado de quita obtida no concurso de acredores, resultado que deixa a débeda total do Teucro nunha cantidade próxima a 1.150.000 euros.
Seguindo co prolixo apartado económico, os socios aprobaron por unanimidade o presuposto para a actual tempada 2013/2014, cuns ingresos previstos de 379.500 euros, para uns gastos de 274.900 euros, cun superávit estimado de 104.600 euros.
Carlos García Alén: "un partido de la selección española en septiembre puede que sea como mandarle flores a un muerto"
Para rematar, Carlos García Alén volveu resaltar a extremada gravidade da situación ao expresar: "Si no tenemos ayuda el Teucro no pasa de junio". E quixo facer alusión ao comprometido partido da selección española de balonmán en Pontevedra, para o que se barallan datas sobre o mes de setembro próximo, cunha expresión rotunda: "Como nos manden un partido de la selección española en septiembre puede que sea como mandarle flores a un muerto".
Antes de dar por concluída a asemblea, García Alén fixo un anuncio que sorprendeu mesmo os seus compañeiros de xunta directiva, ao manifestar: "El 2 de diciembre se acaba nuestro mandato. Os anticipo que voy a dimitir entre el 1 y el 15 de abril, aunque seguiremos como gestora hasta que se celebren elecciones", fixando igualmente unha nova asemblea para esas datas nas que informar os socios da evolución da situación na que "espero podamos tener buenas noticias sobre el futuro del Teucro".
Relacionadas:
-
O Teucro reduce a súa débeda a menos da terceira parte en pouco máis de dous anos e convoca eleccións
Por Ramiro Espiño |
-
Carlos García Alén: "Mi intención es buscar apoyos para la directiva del Teucro y presentarme a las elecciones"
Por Ramiro Espiño |
-
Xoves 6 de marzo, día clave para o futuro do Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro apela ao espírito do 'Pacto do Parador' para evitar a desaparición do club
Por Alejandro Espiño |
-
Balóns fóra de Concello e Deputación ante a chamada de socorro do Teucro
Por Diego Espiño |