Soutomaior estréase no circuíto das San Silvestre cunha carreira de dous quilómetros
Por Redacción
Unha nova carreira de San Silvestre nace no ámbito de influencia de Pontevedra. É a que se disputará en Soutomaior o sábado 30 de decembro, un día antes do que adoita ser habitual neste tipo de citas deportivas. Será unha proba solidaria e con dous quilómetros de percorrido.
A proba, que partirá ás cinco da tarde da Alameda de Talo Río, estará destinado a todos os públicos, pero os menores de 14 anos deberán ir acompañados dun adulto durante toda a carreira, que xa abriu o seu prazo de inscrición.
Os dorsais poderán recollerse a partir do 20 de decembro no Pavillón da Montesiña, de luns a venres en horario de 16:30 a 21:30 horas.
A San Silvestre de Soutomaior irá por un circuíto urbano por asfalto pechado ao tráfico, que irá por Alameda de Talo Río - Rosalía de Castro - Xosé Solla - Rúa Calvario - Cruceiro Calvario - Rúa Lameiriñas - Rúa do Velero - Rúa Barroncas - Rúa Rosalía de Castro - Talo Río.
Será unha carreira onde non haberá́ clasificación de chegada, agás os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres que terán o seu premio vencellado co mundo do deporte.
Tamén haberá dous premios aos mellores disfraces infantís, ata os 10 anos, dous premios ao mellor disfrace xuvenil, de 11 a 17 anos, dous premios ao mellor disfrace de persoas adultas e dous premios ao mellor disfrace colectivo.
A maiores, a todas as persoas participantes daráselle unha tarxeta de desconto de cinco euros en sesión de adestramento persoal ou dietética con Lidia Mariño.
A carreira terá unha vertente solidaria xa que voluntariamente as persoas que participen poder levar un produto de alimentación non perecedoiro, preferentemente leite ou aceite, que se entregará a Cáritas para ser repartidos entre as persoas con especial vulnerabilidade.
Na xornada do 30 de decembro haberá actividades abertas a todo o público que queira practicar divertirse ou quentar, na Alameda de Talo Río, sen ter que inscribirse. O obxectivo é animar e dar ambiente e preparase para correr.
Para isto ás 16.00 horas terá lugar a masterclass de zumba a cargo de AnimaOcio Miúdos, ás 16.30 horas unha masterclass de bailes variados a cargo de Lucy Salsarrica e ao finalizar haberá unha festa amenizada pola Disco Móbil DJ en Talo Río.