1.800 escolares conviven con seres mitolóxicos e imaxinarios a través do teatro
Por Mónica Patxot
Os escolares pontevedreses tiveron este xoves a oportunidade de coñecer o país de Xistralia, onde os seus habitantes conviven con seres mitolóxicos e imaxinarios. Fixérono a través da obra de teatro Sandra e Meirol en Xistralia, da compañía Gaiteiros da Xistra, que se presentou no centro social de Novacaixagalicia.
Este venres o encontro repetirase con máis escolares, en dúas sesións ás 10.00 e as 12.00 horas que chegarán, conxuntamente coas representacións deste xoves, a preto de 1.800 escolares de 37 colexios de Pontevedra e a súa comarca. O espectáculo traballa con música popular galega e chegará en toda Galicia a máis de 75.000 estudantes.
Sandra, a protagonista, a pesar da súa curta idade, é unha grande experta en adiviñanzas, romances, cantigas e outras pezas e costumes que conforman o cancioneiro popular galego. Nas súas viaxes por Xistralia transita por labirintos dos que sairá coa axuda dos fastudos, rompe os encantamentos da Meiga, descifra os seus enigmas musicais e mesmo é raptada por Draco, o dragón de dúas cabezas, envexoso da súa prima Coca.
Pero Sandra nunca se dá por vencida e, finalmente, encontra o xeito de liberarse ao recordar a sabedoría e o gran consello do seu pai, un violinista cego que dicía "todo está no cancioneiro". Así, axudada por Centoulo, o capitán da Farsa, e polos mozos do pobo, vence a Draco a ritmos de treboada galega e danzas de espadas.