"E.R. Algún día traballaremos xuntas" reúne en Vilagarcía a catro damas da escena galega
Por Redacción
A obra de teatro E.R. Algún día traballaremos xuntas, chega a Vilagarcía de Arousa. Esta comedia, interpretada por María Barcala, Luisa Merelas, Manuela Varela e Susana Dans, coñecidas por series da TVG como Matalobos ou Libro de Familia, poderase ver este sábado no Auditorio de Vilagarcía ás 21:00 horas. Dirixida por Xulio Lago, é a última montaxe do Teatro do Atlántico.
Esta obra do recoñecido dramaturgo catalán José María Benet non é nova, pero segue estando de tremenda actualidade debido ás temáticas universais e intemporais que aborda a través do humor tinguido con certos toques dramáticos.
Hai dez anos que o texto se levou ao cine protagonizada por actrices da talla de Nuria Espert ou Rosa María Sardá, o que demostra a dimensión e profundidade das personaxes a interpretar. As mesmas que agora lles toca representar sobre os escenarios as grandes actrices galegas que forman o elenco.
E.R. Algún día traballaremos xuntas, conta a historia de tres actrices, amigas da infancia, que tomaron camiños diferentes na súa vida para acadar as súas metas e que chegaron a puntos tamén diferentes. En base as decisión adoptadas no seu día en procura do éxito na súa profesión unha acada a soidade, outra a riqueza económica e a frustración como persoa, e a terceira vive dominada pola envexa por non ter a vida que desexaba.
A amizade, a morte, a verdade, a mentira, o prezo das eleccións... son temas que se tratan nesta obra e que as actrices abordan a través do humor.
As entradas para esta representación, que forma parte da programación da rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic, custan catro euros e poderanse adquirir a partir das sete da tarde na billeteira do Auditorio.