Irán e Italia protagonizan a oferta do Cineclube Pontevedra para este outubro
Por Redacción
O Cineclube Pontevedra continúa coa súa programación neste outubro.
Para o que resta de mes, os martes estarán dedicados a dous destacados cineastas italianos contemporáneos: Pietro Marcello e Alice Rohrwacher.
Ademais, continuará o repaso á obra do iraniano Abbas Kiarostami nos Luns de Filmoteca, en colaboración coa Filmoteca de Galicia.
Todas as películas proxectaranse en versión orixinal subtitulada ao castelán (VOSE).
A cita deste luns 9 ás 20:30 no Teatro Principal de Pontevedra será con 'A través das oliveiras' (Irán, 1994) do director Abbas Kiarostami. Esta película é a última parte da denominada triloxía de Koker, cuxa primeira parte é 'Onde está a casa do meu amigo?' e a segunda 'E a vida continúa'. Durante a rodaxe desta última película na rexión iraniana de Koker arrasada por un gran terremoto en 1990, o realizador descobre que Hossein, o mozo ao que seleccionou para interpretar un dos papeis, está realmente namorado de Tahereh, a moza que fai o papel da súa esposa, á que tentará cortexar en espera de que finalmente venza a oposición da súa familia.
O martes 10 ás 20:30 no Teatro Principal tócalle a quenda a 'L'Envol' (Francia, 2022) do realizador italiano Pietro Marcello. Criada polo seu pai, veterano de guerra e viúvo, unha moza francesa de principios do século XX tenta abrirse camiño na vida nunha época de grandes inventos e grandes soños.
Unha semana despois, o martes 17 ás 20:30 no Teatro Principal, proxectarase 'Le meraviglie' (Italia, 2014), obra da italiana Alice Rohrwacher. O fin do verán chega a unha vila da Umbría italiana. Gelsomina vive cos seus pais e as súas tres irmás pequenas nunha granxa estragada, onde producen mel. As mozas crecen á marxe da sociedade, pois o seu pai, que cre que se achega o fin do mundo, prefire que estean en contacto coa natureza.
O luns 23 ás 20:30 no Teatro Principal regresa Abbas Kiarostami co filme 'Ten' (Irán, 2002). Dez secuencias examinan as vidas sentimentais de mulleres, presentadas como unha conta atrás dos encontros dunha muller divorciada que se despraza en coche por Teherán.
Pechará as proxecións de outubro, o martes 24 ás 20:30 no Teatro Principal, a película 'Lazzaro felice' (Italia, 2018) dirixida por Alice Rohrwacher. O mozo Lazzaro vive en La Inviolata, unha aldea afastada do mundo moderno e controlada con man de ferro pola marquesa Alfonsina de Luna, quen explota aos labradores da aldea mentres estes aprovéitanse da bondade de Lazzaro.
Relacionadas:
-
O Cineclube Pontevedra proxectará os últimos traballos de Justine Triet e de Aki Kaurismäki
Por Redacción |
-
"O sol do futuro", a última película de Nanni Moretti, chega a Pontevedra a través do Cineclube
Por Redacción |
-
Máis de noventa actividades para un último cuadrimestre "frenético" no ámbito cultural
Por Alejandro Espiño |
-
Fin do parón estival para o Cineclube Pontevedra, que pon os seus ollos no cine iraniano
Por Redacción |