A galería Musart abre tempada expositiva coa obra de Anxo Rodríguez Ramos

Por Redacción
A mostra "Siendo" do artista Anxo Rodríguez Ramos inaugurará este próximo luns 18 de setembro, ás 19:30 horas, a tempada expositiva da galería Musart de Pontevedra.
Poderá visitarse ata o 29 de setembro en horario matinal, de 10:30 a 13:30 horas. O artista pintará en directo unha obra na inauguración.
Anxo Rodríguez Ramos, nacido na Coruña, é un estudante da Facultade de Belas Artes.
Dedícase sobre todo á pintura e ao debuxo aínda que tamén fai pequenos proxectos no ámbito musical, xa que ten un grupo onde é o batería: Martes mal.
O seu principal interese é a representación da expresión humana, atendendo ao carácter puramente anatómico e a súa representación nas artes plásticas.
Por iso as súas estampas pretenden reflectir ese estudo anatómico e de investigación que leva realizando varios anos.
Durante a súa formación experimentou con diversas técnicas, estilos e enfoques artísticos buscando sempre transmitir a expresividade e a riqueza emocional presentes en cada xesto facial, estilo que o público poderá ver nesta exposición.