O Río Verbena quenta motores e promete espectáculos "incribles" e actuacións "potentes"
O verán festivo non se detén en Pontevedra e tras as Festas da Peregrina chega o Río Verbena Fest. Serán tres días de música de primeiro nivel, nos que os organizadores prometen espectáculos "incribles" e actuacións "potentes e moi esperadas".
O aperitivo ao festival servirase xa este mércores 23 de agosto co dobre concerto que ofrecerán Leiva e Iván Ferreiro na chaira do Recinto Feiral. Kin Martínez, director de Esmerarte, avanzou que quedan "moi poucas" entradas á venda.
"Era un concerto que tiñamos gardado desde había tempo para sacalo adiante", subliñou o promotor, que explicou que "non o anunciamos antes por compromisos dos artistas". O recital aproveitará a infraestrutura instalada para o Río Verbena Fest.
O director do festival asegurou que o obxectivo do Río Verbena Fest é "complementar" a oferta musical xa existente na cidade, ampliándoa con artistas que "teñen como estratexia comercial non participar en concertos gratuítos pero si noutro tipo de eventos".
Na súa segunda edición, o festival desdóbrase e manterá a súa aposta polos ritmos urbanos. Será o venres 25 de agosto co único concerto de Dellafuente en Galicia, a celebración dos trinta anos de SFDK sobre os escenarios ou con Trueno, expoñente do trap mundial.
A eles sumaranse os concertos de Chroma, La Mosca Valiente, O Rabelo e Thom Archi, músicos locais que se subirán ao escenario da Gramola, onde o sábado tamén actuarán Desconcerto, Conductores Suicidas, Marilia Monzón, Flecha Valona e The Rapants.
Marta González, responsable da Gramola, quixo destacar que o festival abrise as súas portas a grupos "que tocan nas nosas rúas ou en sesións vermú", dándolles a posibilidade de "evolucionar, subirse a un escenario e ter a oportunidade de vivir da música".
O prato forte do Río Verbena Fest, o sábado 26 de agosto, chegará coas actuacións de Vetusta Morla e Xoel López, que para Kin Martínez "serán moi especiais para min", xa que dirixe as súas carreiras desde hai dúas décadas "e que actúen na miña cidade é algo moi bonito".
Xunto a eles estarán tamén Blanco Palamera, Jenny and the Mexicats e Galician Army.
Martínez lembrou que este tipo de festivais teñen un gran valor socioeconómico, xa que supón un investimento superior ao millón de euros e, ademais de xerar empregos directos, contrata provedores locais e atrae a numeroso público que virá de fóra de Pontevedra.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que o Río Verbena Fest chega para complementar a programación de "altísimo nivel" das Festas de Verán de Pontevedra e agradeceu o esforzo organizativo para facer posible este evento.
Relacionadas:
-
The Rapants: "Non cantamos nin tocamos mellor que ninguén, pero temos algo que non se sabe que é que a xente o disfruta e o pasa ben"
Por Alejandro Espiño |
-
Marilia Monzón: "Sempre tiven claro o son que quería. Pero necesitaba labrar o meu camiño, facelo bonito"
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Este mozo promete e podes velo e escoitalo no Río Verbena Fest
Por Marisa Ciordia |
-
Leiva e Ferreiro soben a temperatura musical de Pontevedra como aperitivo do Río Verbena Fest
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Leiva e Iván Ferreiro compartirán escenario o 23 de agosto nun concerto en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Vetusta Morla actuará o 26 de agosto ás 23:45 horas no Río Verbena Fest de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Río Verbena incorpora a Dellafuente a un cartel que reserva un día para a música urbana e outro para a 'indie'
Por Alejandro Espiño |
-
Río Verbena ábrese a novos estilos e 'ficha' a Vetusta Morla para a súa segunda edición
Por Alejandro Espiño |