The Walking Dead en San Amaro
Por Anxo Lourido
"Aínda que non teñamos a Carlos Gardel, Jim Morrison ou Oscar Wilde, temos as nosas cousas interesantes", así presentou o concelleiro de Patrimonio, Luis Bará, o proxecto que se pon en marcha este fin de semana en tres cemiterios de Pontevedra. Os visitantes poderán pasear entre as tumbas como os 'camiñantes' de The Walking Dead en busca, neste caso, de curiosidades e de obras artísticas dos camposantos.
O sábado comezarán as visitas guiadas polo cemiterio de San Amaro que cumpre 130 anos dende a súa construción. O percorrido centrarase pouco nos personaxes e máis na historia social, económica, ideolóxica e relixiosa deste espazo. Este cemiterio foi obra do arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero cando existía a obriga de construílos fóra das cidades e ofrece dende unha parte axardinada para os cidadáns de menos cartos e nenos como panteóns significativos trasladados da rúa Benito Corbal ou mausoleos como o de Eduardo Vicenti ou Dolores Montero.
O sábado 17, a visita será ao cemiterio rural de Canicouva onde se poderá observar a Cama do Santo ou a Rocha dous franceses relacionado coa Guerra da Independencia.
As mámoas de Castiñeiras converteranse nas protagonistas da terceira xornada o sábado 24. Farase un percorrido por estes enterramentos megalíticos de grande interese.
Todas as visitas comezarán ás 11 da mañá e non é necesaria unha inscrición previa.
O obxectivo por parte da concellaría sería integrarse desenvolver, máis adiante, un proxecto máis amplo e ingresar na rede de turismo necrolóxico.