Unha exposición para facer memoria e alertar das consecuencias de "reeditar o ideario franquista"
Por Redacción & Mónica Patxot
A praza de España de Pontevedra acolle desde este luns unha desas exposicións que non deixa a ningún indiferente. 'E se fose hoxe?', pregunta esta mostra, que retrata a cargos públicos actuais recreando episodios vividos durante a Guerra Civil e o Franquismo por personalidades que ocupaban a súa mesma responsabilidade. Que lle tería pasado aos alcalde de Pontevedra, Marín, Cangas, Bueu e Moaña se volveramos ao 36?
As imaxes poden verse desde a mañá deste luns e xa xerou interese da poboación, que se parou a velas e comentar o seu contido e significado. Xa pola tarde, a Deputación Provincial, impulsora da exposición, realizou a inauguración oficial.
A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, impulsora da exposición, explicou que buscaron facer unha campaña impactante, que non pasase desapercibida para ninguén. "Unha campaña incómoda que nos faga pensar. Que nos impida manter unha postura equidistante", sinalou, moi agradecida a todas as persoas participantes.
Con elas, "quixemos traer ao presente as vítimas de entón para humanizalas, para que a sociedade entenda que non eran distintas a nós, que non tiveran outros soños nin emprenderan loitas diferentes ás que nós levamos a cabo ou polas que, simplemente, devecemos", explicou Ortega.
Estas imaxes amosan ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, agochado nun tobo, como o alcalde de Pontevedra daquela; á presidenta da Deputación, Carmela Silva, nun hospital; e aos alcaldes de Marín, Bueu, Cangas e Moaña, María Ramallo (PP), Félix Juncal (BNG), Victoria Portas (independiente) e Leticia Santos (BNG), nun paredón de fusilamento semellante a onde asasinaron os titulares deses concellos en 1936.
Ademais, María Ortega representa a Juana Otero, vilagarciá rapada e tatuada que sufriu a vexación sexista; o ilustrador Kiko Dasilva representa a Castelao e a fame e as penurias económicas que pasou no exilio; o libreiro Cano Paz, da Libraría Paz, representa a incautación de bens e en concreto ao seu avó, Ramiro Paz, a quen fusilaron e logo quitaron a imprenta á súa familia.
A profesora do IES Sánchez Cantón Ánxos Rial personifica ás profesoras comprometidas que son expulsada das aulas, como Ernestina Otero; o deputado pontevedrés Luís Bará lembra a Bibiano Fernández Osorio-Tafall –tamén presidente da Deputación- que no momento do golpe era deputado; e a fotógrafa Alba Díaz dá vida ao consignatario vilagarcián Dámaso Carrasco, como cara visible de todos os presos da illa de San Simón, que el mesmo fotografou.
Con estas imaxes, búscase pretende lembrar as vítimas do franquismo e tamén denunciar as consecuencias que tería "reeditar o ideario dos seus asasinos".
María Ortega fai unha chamada sobre todo á xente moza e explicou que quixeron encher a rúa de memoria para achegarse a todo ese público que "non vén aos actos que programamos, convencidas como estamos de que convivimos con quen se empeña en destrozar o legado recibido, ou simplemente goza del como se fose innato e asume con pasividade a merma de dereitos como se fose irremediable".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou que esta mostra recolle unha idea "clara, cristalina", ao amosar que logo daquel golpe de Estado homes e mulleres, pais, nais, fillos, fillas, irmáns e irmás... representantes democráticos escollidos pola veciñanza "foron asasinados pola barbarie franquista, unha barbarie que tomou o poder de xeito ilexítimo derivando nunha longa noite de pedra ao respecto da cultura, da democracia, da lingua e dos dereitos do pobo galego".
A campaña 'E se fose hoxe?' xurdiu dunha idea orixinal da técnica do departamento de Memoria Histórica Montse Fajardo. As fotografías son obra de Alba Díaz, a escenografía de Amanda Seijas, o vídeo sobre como se fixo é obra de Canal Rías Baixas, o deseño gráfico corresponde ao Servizo de Comunicación da Deputación e o desenvolvemento da campaña á área de Comunicación de Vicepresidencia.
Relacionadas:
-
Unha recta final do ano con moita memoria en Marín
Por Redacción |
-
Estrea do documental de memoria histórica 'Acordamos', centrado nas loitas de principios do século XX
Por Redacción |
-
A Deputación publica o diario do activista de Vilaboa José Casal mentres estivo preso en San Simón
Por Redacción |
-
Presentan 'E se fose hoxe?', un proxecto fotográfico para "coñecer as vítimas do 36 dun xeito máis humano"
Por Almu Dapena |