A Aula de Música Tradicional actuará cada luns de xuño nunha praza da cidade
Por Redacción
A música tradicional soará de novo nas principais prazas da cidade da man da aula permanente do campus, que ao longo do mes de xuño protagonizará unha serie de actuacións no espazo público nas tardes de cada luns.
Programados para as 20.30 horas, esta serie de concertos terá como escenario as prazas da Verdura, do Teucro, da Ferraría e a Alameda e como protagonistas ás 44 persoas que se forman no campus no manexo de diferentes instrumentos populares, nunha actividade coordinada polo músico Suso Vaamonde.
Xurdida hai seis cursos e aberta á participación tanto da comunidade universitaria como do conxunto da cidadanía, esta Aula Permanente de Música Tradicional Galega tiña entre os seus obxectivos a consolidación dun grupo estable, que nos últimos meses protagonizou unha serie de actuacións, tanto dentro como fóra da Universidade.
Co propósito de "dar visibilidade ao traballo que se está a facer", como sinala o director de área Luis Torres, a Vicerreitoría promove por segundo ano consecutivo, coa colaboración do Concello, este ciclo de concertos na rúa que, como engade Vaamonde, busca "ter unha continuidade" e converterse nunha cita fixa na programación cultural do campus.
A primeira destas actuacións terá lugar o vindeiro luns 5 na praza da Verdura e correrá a cargo do grupo de gaitas e percusión da aula, que, á semana seguinte, actuará na praza do Teucro acompañado polo coro sénior do campus de Vigo e polo novo grupo de baile tradicional do campus pontevedrés.
Sete días despois, o luns 19, o grupo de gaitas e percusión trasladarase á Ferraría, onde estará acompañado polo Grupo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Finalmente, esta programación péchase o 26 de xuño cun concerto “totalmente diferente” aos previos, como recoñece Vaamonde, no que a aula participará en “formato orquestra”. Nesta actuación non estará só o grupo de gaitas e percusións, senón tamén os acordeóns, zanfonas, ocarinas é frautíns, aos que se sumará á súa vez a participación doutras seis agrupacións.
Concretamente, nesta cita actuarán, xunto á aula ao completo, integrantes da Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas de Reis, da asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, da agrupación folclórica Tequexetéldere da Estrada, da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes, da asociación cultural A Fuliada de Betanzos e do grupo folclórico Hai que Roelo de Cuntis.
Relacionadas:
-
A Aula Permanente de Música Tradicional pecha o seu percorrido pola cidade
Por Oskar Viéitez |
-
A Aula Permanente de Música Tradicional inicia na praza da Verdura o seu percorrido pola cidade
Por Redacción |
-
O campus quere contar cun grupo de baile tradicional
Por Redacción |
-
O campus quere formar un grupo de baile tradicional
Por Redacción |
-
Despois de dous anos de parón o coro do campus recupera a súa voz
Por Redacción |