Haberá un novo pase de 'Matria' no Teatro Principal de Pontevedra
Por Redacción
Matria, a película de Álvaro Gago que está a sementar e colleitar éxitos e parabéns desde o seu lanzamento, volverá a Pontevedra a través dun segundo pase especial.
Se o 10 de maio o Teatro Principal estaba ateigado de xente, este domingo, 4 de xuño, é posible que se repita a mesma escena.
O Concello de Pontevedra promove esta proxección, ás oito da tarde, co fin de darlle unha nova oportunidade á veciñanza da Boa Vila de gozar cun dos filmes galegos máis importantes dos últimos anos.
Ao igual que no pasado pase, a entrada será de balde e non será preciso reservar asento, senón que se atenderá na billeteira do Principal por estrita orde de chegada.
Na súa saída, Matria converteuse na estrea comercial máis importante da historia do cinema en lingua galega, ao distribuír seis decenas de copias en diferentes salas do Estado.