A devolución a Polonia dos dous cadros expoliados polos nazis que estaban no Museo salta á gran pantalla

Por Redacción
A historia do espolio nazi dos cadros da Dolorosa e o Ecce Homo da escola de Dieric Bouts e a devolución protagonizada recentemente polo Museo de Pontevedra a Polonia vai ser parte dunha película documental.
A empresa Mewa Film, produtora de cinema localizada en Polonia dirixida por Mariusz Pilis, púxose en contacto co museo pontevedrés para solicitar a súa colaboración, explicando que está a gravar unha película sobre as obras de arte espoliadas a Polonia por nazis durante a Segunda Guerra Mundial e a súa recuperación.
Segundo explica a Deputación de Pontevedra, na súa comunicación a produtora polaca sinala que a historia das pinturas de Dieric Bouts "é moi interesante", cualificando a actuación da administración e museo provincial neste asunto como "exemplar e respectable".
"Impresionounos moito a declaración do Sr. César Mosquera, vicepresidente da Deputación ao dicir que é unha honra poder devolver obras que datan destes tempos escuros", subliñan.
Desde Mewa Film aseguran que a súa intención é "incluír a historia na nosa película", polo que solicitaron toda a información e documentación posible, así como poder contar con imaxes do proceso de embalaxe e preparación para o envío dos cadros a Polonia así como da cerimonia de transferencia.
A Deputación de Pontevedra confirmou que entregará este material cos correspondentes permisos de uso para a súa inclusión no documental.
Relacionadas:
-
Continúan as felicitacións dende Polonia ao Museo
Por Redacción |
-
Polonia aplaude o "exemplar" comportamento do Museo de Pontevedra na restitución dos cadros expoliados polos nazis
Por Oskar Viéitez |
-
O vicepresidente polaco asegura que o díptico do Museo de Pontevedra é a única obra espoliada polos nazis que devolveu España
Por Oskar Viéitez |
-
Un acto de "xustiza histórica" que xurdiu dunha publicación no Facebook
Por Oskar Viéitez |
-
Polonia recupera os dous cadros expoliados polos nazis que estaban no Museo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |