CapacitArte, pintura creativa para todos na Galería Sargadelos
Por Redacción
A colaboración entre alumnos da Escola de Belas Artes con persoas con discpacidade pertencentes a asociacións de Vigo ofrece un resultado cheo de cor e de creación artística que se pode visitar ata o 30 de xaneiro na Galería Sargadelos. Esta exposición é froito dos talleres que se desenvolveron dende o ano 2011, tras a firma entre a Universidade de Vigo e a Plataforma pola Accesibilidade Solidaria de Vigo (PASO Vigo), polo grupo de voluntarios de Belas Artes en diferentes centros de atención de Vigo e Cangas. Os talleres contaban con seis sesións nas que participaban unha media de dez persoas con discapacidade.
O obxectivo, segundo expoñía a coordinadora do proxecto Loreto Blanco, é que 19 alumnos vinculados á arte trasladen os seus coñecementos a estas persoas para conseguir mostralo coma se se tratase dunha experiencia artística máis. A representante de PASO Vigo, Concepción Somoza, indicaba que hai distintas discapacidades entre os participantes que realizaron numerosas obras, moitas delas tiñan un carácter efémero e esta mostra recóllense ao redor de vinte traballos recollidos en lenzos.
O decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana, mostrábase moi satisfeito polo resultado deste proxecto de voluntariado que é o "más activo" dos tres programas que manteñen en marcha. E non descarta que no futuro se poida colaborar con colectivos das mesmas características de Pontevedra sinalando que "hay buena disponibilidad".
A exposición CapacitArte pode visitarse na Galería Sargadelos do 10 ao 30 de xaneiro en horario laboral.