Se sabes escribir, Kalandraka e a FANPA publícancho
Por Natalia Puga
Todos os alumnos de colexios públicos de Pontevedra e as persoas adultas que conviven con eles poderán ver publicados os seus textos nun libro da editorial Kalandraka. Para iso, antes terán que presentarse ao segundo certame de relato curto convocado pola Federación Provincial de ANPA de Pontevedra (FANPA) e entregar creacións inéditas, escritas en galego e cunha extensión de entre 200 e 300 palabras.
O certame chega á súa segunda edición con novidades importantes. A primeira é que en 2013 foi un concurso de ámbito municipal da capital e este ano alcanza todo o territorio de toda a provincia. Como salto cualitativo, na primeira edición a FANPA autoeditou un libro cos relatos finalistas impreso pola Deputación de Pontevedra e neste 2014 repetirao a través de Kalandraka.
Xosé Pérez explicou este venres a participación da editorial no certame e insistiu en que se enmarca "na liña dos piares de Kalandraka de animar a ler", pois "unha das formas de animar a ler, sobre todo a determinadas ideades, é crear". Confían en que co estímulo de que o seu texto saia publicado nun libro máis escolares e adultos pontevedreses se animen a participar.
O certame ten catro categorías: Primaria, Secundaria, Bacharelato e adultos. Os textos dos gañadores de cada categoría e todos os finalistas serán os que se incluirán no libro, pero cun límite de 100 persoas. Será o xurado do certame que os seleccione e terá unha representación de todas as entidades colaboradoras, entre as que destaca o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial.
O libro contará con ilustracións de Pablo Otero e os catro gañadores ademais de ver recoñecido o seu traballo publicado no libro recibirán un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka e unha lámina autenticada polo ilustrador, segundo informou o vicepresidente da FANPA e promotor do certame, Francisco Freire. Os gañadores tamén se publicarán no Diario de Pontevedra.
Freire sinalou o "éxito" do certame o ano pasado en canto á participación de escolares, pois "os nenos están afeitos a escribir para as redaccións do colexio", pero "o que nos falta é que escriban os maiores". Dende a FANPA "o que se pretende é que os nenos tiren dos adultos" e "abrir as portas a esa xente novel que timidamente está no anonimato".
O concelleiro de Xuventude de Pontevedra, Demetrio Gómez, participou este venres na presentación do certame e explicou que o Concello de Pontevedra segue colaborando a pesar de que a convocatoria xa transcende o ámbito municipal porque "é un exemplo de colaboración polo ben común" e entre administracións de distinta cor política. Tamén porque está destinada ao ensino público, que "é o mellor ensino que hai hoxe en Galicia", e axuda á promoción da creación literaria e do uso do galego nun momento no que "fan falta espazos onde a nosa lingua chegue á mocidade".