O Museo celebrará o Día dos Museos cunha exposición no Centro de Maiores de Campolongo
Por Redacción
O 18 de maio conmemórase o Día Internacional dos Museos. Por este motivo, o Museo de Pontevedra ten previsto poñer en marcha unha programación baseada no lema 'Museos, sustentabilidade e benestar' con actividades entre o xoves 18 e o sábado 20 de maio.
Unha exposición itinerante de reproducións de obras de arte que forman parte do catálogo do Museo provincial trasladarase á Residencia da Terceira Idade de Campolongo na xornada do 18 de maio. Isabel Fernández Domínguez, consultora e formadora en Interpretación do Patrimonio, axudará ás persoas maiores a analizar as obras desta mostra que ofrece traballos de Luís Seoane, Castelao, Maruja Mallo ou Carlos Maside, entre outros.
Esa mesma xornada do xoves, ás 20.30 horas, Davide Salvado, unha das voces máis destacables de Galicia, ofrecerá no claustro do Edificio Sarmiento un recital titulado 'Permita Deus', que se presenta como un acto de fe no patrimonio. Estará acompañado polo violín de Cibrán Seixo e a guitarra eléctrica de Antonio Casado.
Durante o venres 19, ás 18.00 horas, realizarase unha visita guiada ao Edificio Castelao dentro da programación. O equipo de Educación do Museo propón unha nova mirada sobre a colección permanente mostrando a preocupación sobre a sustentabilidade.
O sábado 20 de maio, ás 12.30 horas, no Edificio Castelao do Museo, ofrecerase un espectáculo de monicreques e clown para público familiar, a partir dos 3 anos. A compañía Diáspora Teatro ofrece a obra 'O peirao' con contos sobre o coidado da natureza para coidar ás persoas.
As canles en redes sociais do Museo de Pontevedra tamén se unirán á celebración coa publicación dun selecto grupo de obras icónicas da colección provincial na que se denuncian as ameazas á natureza. Serán vídeos con pinturas de paisaxes elaboradas por Colmeiro, Castelao, Aflredo Souto, Manuel Aramburu ou José Seijo Rubio.
Relacionadas:
-
As obras do Museo e os maiores da residencia cítanse no parque de Campolongo
Por Redacción |
-
Davide Salvado presenta en Santa Clara "un acto de fe no patrimonio"
Por Redacción |
-
Unha exposición recupera obras saídas directamente do estudio da pontevedresa Carmen Domínguez
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para artistas noveis que queiran participar en Novos Valores 2023
Por Redacción |
-
A finais de 2023 agárdase o inicio da rehabilitación dos edificios históricos do Museo coa inclusión da conexión soterrada
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Museo conmemora as Letras Galegas con obradoiros escolares e unha visita guiada
Por Redacción |