Javier Coronas, Javier Cansado e Pepe Colubi exhibirán a súa 'ilustre ignorancia' en Pontevedra
Por Redacción
ÿ, desde hai anos, un dos programas de culto da televisión española. Ilustres ignorantes, emitido por Canal Plus desde 2008, conta cunha lexión de fieis seguidores que parece crecer con cada unha das súas emisións. Trátase dun debate a varias bandas entregado a iluminar as máis diversas ramas do coñecemento. Ese debate trasladarase o venres 30 de maio ao Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra.
Javier Coronas, Javier Cansado e Pepe Colubi, os tres condutores deste programa, embárcanse nunha xira en teatros, denominada Ilustres World Tour, coa que recalarán na cidade. Nela, coa inestimable axuda dalgún amigo notable, enléanse en discusións delirantes, perturbadas, sorprendentes e moi divertidas sobre todo tipo de temas de interese: curiosos, metafísicos, culturais ou sexuais.
Ilustres ignorantes trata de atopar respostas a todas esas preguntas ridículas que nos suscitamos na nosa vida diaria: por que dicimos "¡ai!" cando nos facemos dano?, por que non fan os avións co mesmo material que usan para facer a caixa negra?, por que se utilizan agullas esterilizadas para dar unha inxección letal?, por que os Picapedra festexaban o Nadal se vivían antes de Cristo? O que conta non é atopar as respostas acertadas, senón o enxeño, o humor, o interese e o insólito do desenvolvemento de cada unha delas.
Javier Coronas, coñecido polo seu traballo en Lo + Plus ou Noche Hache, é o encargado de conducir a charla, mentres Cansado (membro do dúo Faemino e Cansado), Colubi (xornalista e guionista de televisión) e o seu invitado de quenda, ofrecen respostas que oscilan entre o rigor científico e o máis asombroso descoñecemento, por iso cada Ilustres Ignorantes é distinto, imprevisible e irrepetible. Tamén na súa representación nos teatros.
As entradas para asistir á representación en Pontevedra de Ilustres Ignorantes xa se poden adquirir a través de www.servinova.com. Teñen un prezo de 16 euros.