Paz Andrade será o protagonista dun Congreso en decembro
Por Redacción
O 13 de decembro comezará o Congreso sobre a figura de Valentín Paz Andrade no Pazo da Cultura. Durante tres días analizarase a vida, a obra poética, a súa influencia económica e o traballo xornalístico do autor pontevedrés a quen estivo dedicado o Día das Letras Galegas deste ano.
A Real Academia Galega organiza este evento e o presidente, Xosé Luis Méndez Ferrín, explicaba na presentación do Congreso xunto ao Alcalde, Miguel Fernández Lores, que Paz Andrade era unha figura poliédrica e nesta cita se van tratar todos os aspectos relacionados coa súa vida e obra. A lección inaugural correrá a cargo de Ramón Villares e centrarase na actividade política, sempre ligada ao nacionalismo galego, do poeta nacido na parroquia de Lérez. A de clausura será ofrecida por Darío Villanueva e o seu contido versará sobre a súa relación con Valle Inclán.
Durante as xornadas haberá relatorios de autores como Manolo Rivas, Alonso Montero, Camilo Nogueira ou Anxel Vence.