Conmemoración do centenario de Xosé Conde Corbal
Por Oskar Viéitez
O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra conmemora o centenario de Xosé Conde Corbal.
A deputada de Memoria Histórica María Ortega, acompañada pola presidenta da Deputación Carmela Silva, o escritor e estudoso da figura de Xosé Conde Corbal, Antón Mascato, e familiares do artista, presentou as actividades organizadas pola administración provincial co gallo do centenario do nacemento dunha das figuras máis destacadas na arte galega do século XX cunha grande relación coa Memoria.
Unha das súas obras máis importantes é unha colección de 88 láminas, que titulou 'O fardel da guerra', creadas nas décadas de 1970 e 1980, na que dá unha visión poliédrica do que foi o golpe de Estado en Galicia.
Nelas atópanse todas as tipoloxías posibles de vítimas: persoas asasinadas, presas, fuxidas no monte, rapadas, nais chorando pola marcha do fillo á guerra ou criaturas loitando contra a fame nos comedores do Auxilio Social. Pero tamén lles pon rostro aos verdugos e ao seu xeito de proceder: hai gravados da lectura do bando de guerra, da sección feminina, de falanxistas percorrendo as vilas brazo en man para sementar o terror, dos señoritos de Pontevedra instigando "paseos", entre outras.
Nos anos 80 apenas se falaba de memoria histórica e Xosé Conde empregou os cartos da herdanza familiar en editar esta colección de gravados, e a Pontevedra de elite non llo perdoou. Considerou un agravio que unha persoa dunha familia tan próspera tentase recuperar a memoria do pobo derrotado, así que boicoteou o seu proxecto: nin vendeu exemplares dos gravados nin a prensa se fixo eco da exposición que fixo primeiro no Museo de Pontevedra e logo no Museo do Pobo Galego, de onde se descolgou o 20 de abril de 1987.
Xusto 36 anos despois do fin daquela exposición, este 21 de abril de 2023, a Deputación de Pontevedra volve recuperala e conmemora o centenario do nacemento do seu autor con diferentes actividades.
Por unha banda, presentarase unha edición de luxo dos gravados que, baixo o título 'O fardel da memoria de Conde Corbal', recolle as 88 pezas da colección comentadas por persoas do mundo da investigación, a memoria, a literatura, a poesía e a música
Tamén haberá unha exposición cos gravados, que se poderá visitar a partir do 21 de abril no vestíbulo do Pazo da Deputación de Pontevedra e que logo percorrerá tada a provincia.
Por último, organizaranse unhas xornadas sobre a arte e memoria, que o día 21 de abril se centrarán na obra de Conde Corbal e o 22 na relación da arte coa memoria histórica galega.
Relacionadas:
-
As Xornadas Arte e Memoria lembran a Conde Corbal
Por Redacción |
-
Ana Miralles, a seducción do grafito
Por Redacción |
-
Abren a terceira liña de axudas da Deputación para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia
Por Redacción |
-
O Certame de Microteatro de Memoria Histórica escríbese con letra de muller
Por Alba Feijoo Alonso |