'Do silencio á emoción II', unha forma diferente de redescubrir a música clásica
Afundación, en colaboración con Camerata Arven, presentou o ciclo de concertos 'Do silencio á emoción II', cuxa finalidade é redescubrir a música clásica dunha forma diferente.
Este ciclo conta con catro concertos programados para os meses de abril, maio e xuño que se realizarán no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra. Os eventos están dentro do programa 'Cultura por alimentos', que permite que pola doazón de alimentos infantís non perecedoiros, se obteña a entrada.
O primeiro recital representarase o 1 de abril ás 19.30 horas. No caso de querer asistir a este primeiro evento, habería que reservar as invitacións a través da web de Ataquilla.com.
Javier Dobaño, membro de Camerata Arven, destaca que é necesario ir a un concerto de música clásica para "descubrir ou redescubrir a marabilla que é. É importante que para crear público deamos continuidade a iniciativas como esta".
Marité Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación, comenta que este proxecto "axuda a romper tanto as barreiras mentais de quen pensa que isto só é para a elite entendida, como as barreiras físicas". Cores expón que o público ten a posibilidade de subir ao escenario para ver de preto como tocan os músicos.
A coordinadora sinala que se realiza o espectáculo desde un punto de vista didáctico, xa que "hai unha explicación dos distintos aspectos do espectáculo, desde os instrumentos, o repertorio ata o propio contexto compositivo".
O primeiro concerto titúlase 'Pedro e o lobo' de Sergéi Prokofiev (1891-1953). Neste recital, a actriz galega Laura Sarasola contará a historia de Pedro aos máis pequenos e, eles coñecerán os sons dos diferentes instrumentos.
'A bela Helenes' representarase o 4 de maio ás 20:30 horas, sendo o segundo evento da programación. Esta actuación narra a lenda que atribúe ao seteiro grego Teucro, como o fundador da cidade de Pontevedra.
O 18 de maio representarase 'Concerto Letras Galegas' ás 20:30 horas. A Camerata dedicará este programa para homenaxear a algunhas das personalidades máis importantes da literatura galega. Interpretarán pezas representativas como 'Negra sombra', de Rosalía de Castro; 'Alborada galega', de Pascual Veiga ou 'Quen poidera namorala', de Álvaro Cunqueiro', entre outras obras.
O último evento realizarase o xoves 8 de xuño ás 20:30 horas e titúlase 'Gala lírica'. Este concerto é unha cita lírica na que se interpretarán as obras populares do repertorio operístico a nivel internacional de Puccini, Verdi e Mozart.
Relacionadas:
-
Catro concertos comentados para achegar a música sínfónica a todos os públicos
Por María José Pita |
-
Nonetos de Farrenc e Lachner, en Pontevedra
Por Redacción |
-
RADIO.- A profesora de música e cantante Marlene Armentero prepara 'Con nome propio'
Por Redacción |
-
Seis bandas de Xeración Sónica participarán no Vira Fest de Paredes de Coura
Por Álvaro Arosa Barco |
-
A música e a muller centrarán un ano máis a nova edición de 'Mulleres e Inspiración'