'Así en la guerra como en la paz' transcorre no inverno de 1808 e 1809. Recrea o envío de tropas británicas á Península Ibérica para facer fronte ao exército de Napoleón durante a guerra da Independencia. O exército que desembarcou ás ordes do xeneral John Moore para facer fronte aos franceses e defender aos españois non chegou a entrar realmente en batalla, senón que se foi replegando ata a cidade da Coruña para embarcar de novo ás illas.
Un capítulo da historia que botando man tamén da ficción, relata unha muller en primeira persoa. Catherine Gallagher é a heroína principal desta novela. Ela é unha das mulleres que acompañan a aquel continxente militar.
Luís García Jambrina foi o primeiro sorprendido ao imbuírse nos relatos que ía atopando: "dediqueime a investigar como era posible que se permitise, tendo en cuenta mesmo que ás veces ían cos seus fillos pequenos, por que querían acompañalos, que labores facían. Elas eran un conxunto e a maioría non teñen nome sobre os testemuños que quedaron. Interesábame moito a mirada da muller".
Aquel periplo bélico resultou tráxico porque "estivo rodeado de circunstancias anómalas. O exército amigo que chegara a liberalos dos franceses convertíase no inimigo porque ía sementando o caos e a destrución ao seu paso". En canto á figura de John Moore - enterrado na cidade herculina -, "foi un heroe na Coruña pero durante o camiño non soubo controlar ás súas tropas nin lles deixou combater. Expúxose salvalas e resultaron morrendo máis que se se enfrontasen aos franceses".
A novela reflicte as penalidades daquela guerra, pero Jambrina tamén deixa patente unha homenaxe ao pobo, cultura e paisaxes galegos. Entre eles aos heroes de Ponte Sampaio polos que lle preguntamos neste podcast do 'Cara a cara' que se pode escoitar na ligazón que se adxunta e descargar na web de PontevedraViva Radio.