A Coral Polifónica de Campo Lameiro leva o seu espectáculo "Cousas de Antes" ao Teatro Principal
Por Redacción
A Coral Polifónica de Campo Lameiro porá en escena o vindeiro venres 24 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra o seu espectáculo musical “Cousas de antes”, dentro das actividades conmemorativas do 25 aniversario desta agrupación.
Neste espectáculo, que terá a súa entrada de balde e estará dirixido por Sonia Bouzada Pérez, contará coa participación do Grupo Cantalúa e a Banda de Gaitas Foula e conta coa colaboración do Concello de Campo Lameiro, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial.
O musical “Cousas de antes” forma parte da homenaxe e o agradecemento que a Coral Polifónica de Campo Lameiro ten coa musica tradicional galega da que esta masa coral se foi nutrindo ao longo dos 25 anos de existencia. Aínda que boa parte do repertorio do coro é en galego, esta será a primeira vez na que a Coral faga un verdadeiro monográfico de achegamento á música folclórica galega.
No espectáculo participará de xeito activo e decisivo a Banda de Gaitas Foula, que aportarán a esta actividade musical o seu coñecemento sobre os ritmos tradicionais galegos. Ao bo facer dos músicos de Foula unirase a vitalidade e a ilusión dos compoñentes de Cantalúa, o coro infantil que participará en varias escenas teatrais e cancións coreografiadas.
Esta homenaxe á música e ao folclore galego a través do espectáculo Cousas de antes pretende ser tamén, segundo os organizadores "unha pequena recreación de momentos do noso pasado, en forma de pezas instrumentais, partes teatrais outras cantadas, todo elo con escenografía e vestiario e en clave de humor”.
As escenas teatrais están inspiradas en recordos da infancia e escenas costumistas, entre elas a de dous homes que se atopan no camiño e se esquecen de ir erguerlle a cesta á muller; ou aquelas conversas das mulleres no río criticando os malos costumes dos homes e, como non, as escenas típicas de rifas entre mulleres e homes.
A cada escena séguelle unha canción a base de desafíos, regueifas, cantos de oficios, cantigas de traballo e todo elo a ritmo de pandeirada, muiñeira ou xota acompañados por instrumentos como o tamboril, bombo, pandeireta, axóuxeres, cencerros e gaitas.
Con este espectáculo, a intención da directora do espectáculo Sonia Bouzada Pérez e da Coral Polifónica é crear un vencello interxeracional entre os maiores e os máis novos a través da lingua e do folclore propio de Galicia mediante un espectáculo sinxelo, pero feito desde a ilusión, o agarimo e o respecto para rendirlle unha sentida homenaxe aos 25 anos da coral e á música galega.