Amante da música celta busca voluntarios para emular os míticos Gwendal
Por Mónica Patxot & María José Pita
Máis de trinta anos leva o pontevedrés Xerardo Torrado Agulla tocando a gaita e a frauta.
A súa afección pola música tradicional levoulle a colaborar durante tres décadas coa agrupación de Mourente Os Alegres. Pero chegou a pandemia, que sumada a unha afección no tímpano, obrigaron a Xerardo a abandonar o grupo.
Superado o contratempo na saúde, este músico afeccionado decidiuse a facer un chamamento a través das redes sociais na "busca de xente para un grupo folk, sen pretensións, tocar muiñeiras, valses, música galega, irlandesa e escocesa", segundo explica na publicación subida ao grupo de Facebook "Tú no eres de Pontevedra si...".
En conversa con PontevedraViva, Xerardo conta que toca a frauta, o tin whistle, "unha pequena frauta de lata como a que tocaban The Chieftains" e a gaita. "A gaita téñoa agora aparcada porque teño rotos os tímpanos, pero a ver se máis tarde a podo tocar, en tal caso tocaría as frautas, iso si".
Para acompañalo, bastaríalle cun guitarrista, un violinista e un percusionista, "que poden ser tanto chicos como chicas, evidentemente". No caso do percusionista, afina algo máis: "a poder ser de bodhrán, que é o pandeiro redondo irlandés, pero bueno, se ten unha cousa máis moderna con batería non hai problema, que tamén a tiña Gwendal, e despois, a maiores, un baixo ou alguén que toque a frauta traveseira ou un acordeón".
Recalca que o obxectivo é ensaiar "sen grandes pretensións". Para Xerardo sería cumprir "un vello soño", afirma, "e se despois a cousa sae adiante e podemos tocar nun local de aquí, estaría ben, formarnos como un grupo da comarca".
Aínda que a música é a súa paixón, xa hai tempo que desbotou adicarse a ela profesionalmente. Así mesmo, lamenta que tampouco a súa formación como historiador, na actualidade cursando o doutoramento na Universidade de Santiago, lle permita sosterse economicamente. "É moi difícil vivir da Historia Antiga". Pero non desespera. Segue coas súas investigacións e buscando unha oportunidade laboral, polo que vén de rematar o curso e as prácticas da certificación en Loxística de Almacén. Tesón e profesionalidade non lle faltan.
EMULANDO A GWENDAL
Xerardo Torrado toma o modelo do grupo instrumental de música bretoa e celta Gwendal para animar a toda aquela persoa que queira participar no seu proxecto. "Se vos gusta a música dos primeiros discos de Gwendal máis ou menos iso é o que busco".
En concreto, céntrase nos seus dous primeiros discos: Irish Jig (1974) e Joe Can't Reel (1976), por ser sons cunha instrumentación máis pura e fiel á música celta tradicional.
Nas primeiras 24 horas desde a publicación xa obtivo as primeiras respostas, sobre todo aplaudindo a iniciativa, pero de momento aínda ninguén se sumou activamente ao proxecto.
Para as persoas interesadas, facilita o seu correo electrónico: xerardotorrado@yahoo.com. E insiste: "O dito, sen pretensións. Grazas".