BDra Gráfica estrea as súas Xornadas de Banda Deseñada no Teatro Principal

© Álvaro Arosa

© Álvaro Arosa

© Álvaro Arosa

© Álvaro Arosa
As I Xornadas de Banda Deseñada abriron as súas portas este venres na terceira planta do Principal. Ante un numeroso público, maioritariamente xuvenil, o ilustrador Kiko da Silva presentou xunto á concelleira de Cultura, Carme Fouces, este evento dedicado ao sector da banda deseñada que estará en Pontevedra ata o domingo 19 de marzo.
A presentación celebrouse no mesmo lugar no que as editoriais e librerías teñen os seus postos de venda, algo que se repetirá en diversas charlas e talleres como o que se levou a cabo ao terminar o acto. Nesta ocasión, os asistentes puideron aprender sobre a creación de CELS de animación de Dragon Ball, impartido por Fonso Barreiro.
Kiko da Silva mostrouse moi satisfeito pola acollida do evento, esperando que "esta sexa a primeira cita de moitas". O historietista explicou que a intención que tiñan cando xurdiu a idea de crear estas xornadas, era a de facer "algo pequeno". Con todo, o resultado final superou con creces esas expectativas, tal e como explica Da Silva.
Un total de 20 convidados, xunto a dez expositores, diversas charlas e obradoiros, son os elementos que forman BDra Gráfica, un evento que non sería posible sen a Plataforma de Editoriais Independentes de Cómic (PEIC), apuntaba Kiko da Silva.
O ilustrador quixo agradecer a todos os autores, autoras, editoriais e librerías a súa presenza nestas xornadas, destacando que as Xornadas Profesionais que se celebran no Museo contan con ao redor de 50 persoas apuntadas. "Iso quere dicir que hai moito interese no campo da profesionalización da banda deseñada", apuntaba o responsable de O Garaxe Hermético.
Da Silva tamén quixo dirixirse aos autores e librerías alí presentes para destacar que "neste festival ningún libreiro vaise perder ningunha charla porque son onde estades vós vendendo".
Doutra banda, o historietista puxo en valor as exposicións que estarán no Museo ata o 9 de abril, destacando o papel de Ana Miralles, unha das expositoras, afirmando que "cando as autoras eran persoas estrañas dentro dun mundo de homes, ela reivindicou a presenza da muller dentro da nosa profesión".
Para terminar coa súa intervención, Kiko da Silva desexou que "esta sexa a primeira edición de moitas". Doutra banda quixo agradecer especialmente a Cano Paz, libreiro da emblemática Librería Paz, toda a súa axuda e disposición para sacar estas xornadas adiante.
Presentación das I Xornadas de Banda Deseñada BDra Gráfica
BDra Gráfica estreouse este venres 17 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra. A concelleira de Cultura Carme Fouces, xunto ao ilustrador Kiko da Silva, presentaron o evento que estará no Principal e no Museo ata o domingo 19
© Álvaro Arosa