Editan un catálogo para gozar da exposición "A cidade é a pegada" desde casa

Por Redacción
Chegan os "coletazos finais" á mostra A cidade é a pegada, o proxecto expositivo inaugurado no Pazo da Cultura de Pontevedra o pasado 15 de decembro e que percorre a historia recente da cidade coa mirada da infancia como fío condutor.
Un dos últimos pasos será a publicación dun catálogo con máis de 400 páxinas, que contará cun prólogo de Alberto Ruiz de Samaniego e que, segundo a edil de Cultura, Carmen Fouces, está pensando para "poder regresar á exposición con calma desde a casa".
"Cando pechas algo que che gustou e co que tiveces unha relación importante, tes unha sensación agridoce", subliñou Fouces, que avanzou que o catálogo traducirase ao inglés e será un agasallo institucional porque "é unha forma moi interesante de ver a cidade de Pontevedra".
Esta publicación, destacou o comisario da mostra, tiña como obxectivo fundamental "plasmar do xeito máis fiel o formato da exposición" e que non fora o típico catálogo "que queda enriba dunha mesa sen tocar", senón que se aproxime á utilidade dun libro normal.
Na súa edición participaron tamén o fotógrafo Fernando Suárez e Patricia Dopico, responsable de deseño e maquetación, que engadiron que "queríamos fuxir do tradicional con acabados para que ninguén se corte á hora de manipulalo".
O catálogo irá acompañado duns códigos QR para poder gozar do audiovisual de Chipperfield e as postais sonoras de Marco Maril, dous dos eixos dunha mostra da que Fouces fixo un balance "magnífico" e cunhas cifras de visitas máis que satisfactorias.
Relacionadas:
-
"A cidade é a pegada" acollerá visitas guiadas para todos os públicos
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Charo López regresa a Pontevedra como 'madriña' da exposición "A cidade é a pegada"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
"A cidade é a pegada", a exposición que ofrece un "poema visual" sobre a Pontevedra pasada, presente e futura
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |