As Afoutiñas rende tributo ás mulleres que 'mantiveron e manteñen viva a nosa cultura'
A sección de pandereteiras dos Afoutes do Canón de Pau, As Afoutiñas, celebrou durante a fin de semana no Concello de Cerdedo-Cotobade O cantar das mozas. Cantos pola liberdade das mulleres, un tributo ás mulleres que mantiveron e manteñen viva a cultura galega.
O acto realizouse en conmemoración do Día Internacional da Muller, e serviu como homenaxe a todas as mulleres que foron e son unha forza importante na preservación e promoción da música tradicional galega, tal e como explican desde a Asociación.
O evento contou coa presenza de diversas agrupacións musicais, entre as que se atopaban As Afoutiñas (Carballedo. Cerdedo-Cotobade), Amor Ruibal (Barro), Pandeireteiras Trazantes (Tenorio. Cerdedo-Cotobade) , Foula (Tenorio. Cerdedo-Cotobade) e Pandeireteiras do Val de Quireza (Quirez. Cerdedo-Cotobade).