A Pontevedra provincia Film Commission desembarca no Festival de Cine de Málaga
Por Redacción
A Deputación participa por vez primeira no Festival de Cine de Málaga, a través da Pontevedra Provincia Film Commision, para promover o territorio como escenario ideal para rodaxes audiovisuais ante as produtoras nacionais e internacionais alí concentradas.
Ata o venres 17 de marzo a institución provincial ten presenza no MAFIZ, a área industrial paralela ao festival, xunto con outras 22 entidades da rede Spain Film Commission.
Ademais, ten pechadas xa reunións con produtoras e localizadoras con sedes en Los Ángeles, Londres, Lisboa, Madrid, Barcelona, Andorra, Sevilla, Málaga, Almería ou Huelva, e asistirá a sesións formativas sobre incentivos fiscais e sostibilidade no Auditorio do Museo Picasso de Málaga.
A Pontevedra Provincia Film Commission dará a coñecer no Festival de Málaga a provincia como plató de cinema, amosando a gran variedade de localizacións e informado sobre as liñas de traballo no ámbito audiovisual que promove a institución provincial.
Tamén presentará os diferentes servizos de aloxamentos, comunicacións e instalacións e seu potente sector audiovisual, que vén de colleitar premios nos Goya e na Berlinale, como complemento ás localizacións e ampla oferta de servizos do territorio.
Ademais, a Deputación completará a presenza no festival de Málaga asistindo a mesas redondas, no seo dos seus intereses estratéxicos, organizadas por CIMA, DAMA ou Netflix, e a unha formación sobre incentivos fiscais e sostibilidade, organizada pola Spain Film Commission, na que se analizarán as oportunidades de posicionar ao país como destino de rodaxes preferente a nivel global e a importancia do compromiso coa sostibilidade da industria audiovisual.
A Deputación de Pontevedra ten pechada unha completa axenda durante este primeiro trimestre de ano para reforzar a Pontevedra Provincia Film Commission e a captación de rodaxes audiovisuais.
Relacionadas:
-
Varias produtoras de cinema percorrerán a provincia para futuras rodaxes
Por Oskar Viéitez |
-
A provincia preséntase en FITUR como escenario para rodaxes cinematográficas
Por Redacción |
-
Produtoras de EEUU, Alemaña e Reino Unido participarán nunha 'Fam Trip' da Pontevedra Provincia Film Commission
Por Redacción |