Das aulas da Facultade de Comunicación ao Festival de Cannes
Por Redacción
'Cando o tempo acabe' é unha curtametraxe de ciencia ficción nacida como traballo de fin de grao de varios estudantes da Facultade de Comunicación, que formará parte das programacións tanto do Festival Internacional de Cine de Málaga como dun dos principais escaparates cinematográficos do mundo, o Festival de Cannes.
Dirixida polo egresado Miguel Gómez Abad, esta curta é un dos traballos seleccionados polo Instituto da Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), organismo adscrito ao Ministerio de Cultura y Deporte, para o programa 2cool4school, que reúne unha escolma de curtametraxes realizadas por estudantado de universidades e escolas de cinema de toda España.
A súa selección permitiu, en primeiro termo, que 'Cando o tempo acabe' sexa unha das 60 obras que integran a programación do Málaga Short Corner, unha das actividades incluídas do Spanish Screening Content, unha programación impulsada pola área de industria do Festival de Málaga, Mafiz, que se presenta como unha plataforma internacional de promoción do audiovisual español.
Do mesmo xeito, formará parte en maio da programación do ICAA no Short Film Corner, o espazo dedicado ás curtametraxes do Festival de Cannes.
Isto posibilitará tamén que a curtametraxe nacida na Facultade de Comunicación forme parte dun catálogo ao que teñen acceso unha serie de profesionais, como programadores e directores de festivais de todo o mundo, nun espazo que complementa á sección oficial e á Quincena dos Realizadores de Cannes.
"Non é unha sección oficial nin competitiva, senón algo complementario ás seccións principais, pero para nós supón un bo golpe de visibilidade", sinala Goméz Abad.
Gravada na cara norte de Manzaneda, nun espazo "inhóspito", trátase dun filme que fai uso da ciencia ficción coa idea de "falar de problemas actuais, como é neste caso o cambio climático, ou de temas máis introspectivos, como poder ser a soidade". A protagonista, Elba, unha brillante científica, busca "resolver un erro do pasado a calquera costa”, nun "mundo devorado por unha crise climática".
Estreada en outubro no Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, 'Cando o tempo acabe' era recoñecida en decembro co premio á mellor curta do pasado curso da Máster Class Audiovisual Galego, Augal, que a Facultade de Comunicación promove xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Nestes meses, este traballo foi seleccionado para o Riocce Fright Nighy Film Festival de Río de Xaneiro e para a Mostra de Curtametraxes de Ferrol, así como para o Intergalactiques de Lyon, que se desenvolverá en abril.
Relacionadas:
-
"Matria" chega ao Festival de Málaga entre aplausos e o entusiasmo da crítica
Por Alejandro Espiño |
-
Marzo no Cineclube Pontevedra é o mes da directora húngara Márta Mészáros
Por Oskar Viéitez |
-
Unha réplica do camión-cine que o cineasta José Gil levaba por toda Galicia chega a Cuntis
Por Redacción |
-
Varias produtoras de cinema percorrerán a provincia para futuras rodaxes
Por Oskar Viéitez |