'Atlánticas. Mulleres do Nordés', de Viki Rivadulla, no Palacete das Mendoza ata o 30 de marzo
Por Redacción
Chega a Pontevedra a exposición 'Atlánticas. Mulleres do Nordés', da pintora e escultora Viki Rivadulla. Poderá verse na sede Turismo Rías Baixas, no Palacete das Mendoza, ata o 30 de marzo.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, inaugurou este venres a mostra, composta de 30 acrílicos pintados entre 2020 e 2021, que representa "mulleres fortes, rexas e imprescindibles para a economía do mar, rachando coa idea das mulleres sereas, que se moven no silencio e nas brumas, e retratándoas na cor, na luz e no centro da vida e do mar".
En 'Atlánticas. Mulleres do Nordés', están fusionados o mar e a cultura mariñeira e as mulleres non como musas, senón dende unha perspectiva crítica co sistema patriarcal. "A miña intención era rachar con ese estereotipo da muller que está agardando no peirao a que o home lle traia vida", explicou Rivadulla ao tempo que fixo fincapé na importancia de "poñer no centro unha iconografía da muller do mar totalmente diferente, sempre emprendedora, traballadora, que leva a casa, o idioma, as costumes e todos os oficios: hai redeiras, peixeiras, mariscadoras, percebeiras... Que sería do mundo do mar sen esas mulleres?".
A mostra está inspirada nas mulleres da costa galega e presenta uns seres case míticos pero fundamentados nunha realidade e ligados ao seu oficio mariñeiro. Mulleres apoderadas que defenden con orgullo o seu ser mariñeiro, "mulleres reais, traballadoras, pero pasadas por unha visión artística que as converte en guerreiras que defenden o territorio, o mar, que está esmorecendo e desaparecendo e que hai que coidar", asegurou Viki Rivadulla.
A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 30 de marzo na Sala de Exposicións do Palacete das Mendoza en horario de luns a venres de 9.00 a 20.00, os sábados de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 e os domingos e festivos de 10.00 a 14.00 horas.
Relacionadas:
-
Mulleres Salgadas premia a Dula Piñeiro, unha mariscadora e "guerreira" comprometida
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra entra na "Champions dos museos"
Por Oskar Viéitez |
-
As irmáns Mendoza 'reviven' como anfitrioas da oficina "máis sorprendente, dixital e inclusiva" de Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |