Perseguidor, o proxecto musical de Mon Plats, presenta o seu primeiro disco en El Náutico
Por Redacción
Tras moitos anos escribindo cancións, o músico vilagarcián Mon Plats deu o salto e gravou o seu primeiro disco. Fíxoo baixo o nome de Perseguidor. Este traballo presentarao en directo o vindeiro domingo 12 de marzo en El Náutico de San Vicente.
No seu concerto, que comezará á unha da tarde, estará acompañado dunha banda formada por cinco músicos para interpretar as once cancións deste disco homónimo que son reflexo, tanto nas súas letras como nas súas melodías, do universo creativo do seu autor. Ademais, tamén interpretará outros catro temas aínda inéditos.
A totalidade da música e das letras están compostas por Mon Plats, a excepción de Mar Adentro, un tema no que Perseguidor pon música ao poema Los ensueños, de Ramón Sampedro, que aparece no seu libro Cartas desde el infierno.
O disco de debut de Perseguidor foi gravado nos estudos Disquesi de Betanzos, baixo a produción de Adrián Saavedra. Para iso, contou coa colaboración de músicos como Miguel Cabana, Pablo Gisbert ou Ángel Paz.
As entradas anticipadas están á venda na web de El Náutico.