Retallos de mundo: Stone Town, Zanzíbar, Tanzania

Poio
05 de marzo 2023

Como todo o resto de África, a illa de Zanzíbar ten unha historia inzada de turbulencias. Pasou por mans portuguesas durante a meirande parte do século XVI, polo control do Sultán de Omán no XVII...

Prison Island ou illa de Changuu
Prison Island ou illa de Changuu / Xesús Constela

Como todo o resto de África, a illa de Zanzíbar ten unha historia inzada de turbulencias. Pasou por mans portuguesas durante a meirande parte do século XVI, polo control do Sultán de Omán no XVII e o XVIII e logo, no XIX e XX, formou parte do Imperio Británico antes de acadar a independencia en 1963 e de unirse a Tanganica un ano despois para fundar a actual República Unida de Tanzania. E ao longo de todo este tempo Stone Town estivo alí, deitada sobre unha península que se introduce fachendosa nas augas do Océano Índico desexosa, quizais, de se deixar refrescar polas brisas mariñas.

Trátase dunha cidade de rúas moi angostas que se entrecruzan ao estilo dos zocos árabes e avanzan entre casas de pedra coralina recuberta con pintura branca case sempre descascada por mor dos azoutes dos ventos cargados de salitre. Foi un vibrante centro de comercio que a converteu na rica e próspera capital do Sultanato de Zanzíbar, que negociaba a compra e a venda de mercadorías con lugares moi afastados do mundo, sobre todo co Golfo Pérsico, circunstancia que favoreceu a entrada na illa do Islam, a relixión máis estendida.

Para visitar a cidade axiña comprendín que o mellor era deixarme levar polo incesante enxame de persoas que transita decontino o labirinto de calellos que constitúe o seu corazón, e por iso entrei polo lugar onde se ergue a súa construción máis antiga, un forte de grandes dimensións empezado a construír como baluarte de defensa polos portugueses e rematado polos omanís unha vez que conseguiron expulsalos. Agora xa non ten uso militar e entre os seus impoñentes muros de pedra acolle un mercado de artesanía e un anfiteatro que se utiliza para diversas actividades ao longo do ano.

Stone Town está bastante deteriorada, cousa que non é de estrañar nun país, Tanzania, cunhas carencias económicas que non lle permiten levar a cabo unha máis que necesaria restauración, pero aínda así resulta un lugar moi sorprendente en todos os seus recunchos porque amosa unha abraiante mestura de influencias árabes, indias, europeas e africanas, con edificios cadrados de dous ou tres andares levantados arredor dun patio interior e todos coa característica común de ter unha bancada de pedra que se chama baraza na parte baixa da fachada, que por unha banda serve para protexer a vivenda das posíbeis riadas ocasionadas polas augas que caen na estación chuviosa, e por outra resulta ser o lugar ideal para sentar un anaco a parolar cos veciños e os amigos, un dos entretementos favoritos dos habitantes da cidade.

Mais a característica principal destas casas de Stone Town está nas súas impresionantes portas de madeira tallada que na antigüidade servían para indicar o poder da familia que habitaba detrás delas. Consérvanse arredor de cincocentas e presentan relevos con diferentes motivos; as máis antigas teñen pasaxes do Corán, pero as máis recentes, de finais do século XIX, incorporan trazos propios da India como remates semicirculares, adornos florais, e grandes pezas de latón dourado que no país asiático se usaban para evitar os empurróns dos elefantes, pero aquí en Zanzíbar simplemente tiveron unha función ornamental. Resultoume moi grato ir parando en todas as portas que vía para intentar descifrar as súas mensaxes. Vin algunhas moi ben restauradas xunto a outras que estaban a piques de esmorecer por falta de coidado, pero calquera delas representaba unha vistosa mostra da artesanía de tallado de madeira, que segue a ser un negocio moi próspero en toda Tanzania.

E de súpeto, en medio deste labirinto de casas apareceu perante os meus ollos a impoñente catedral católica de San Xosé a erguerse cun aquel desafiante sobre os edificios todos que a rodean, sen nada que a diferencie de calquera outro templo das súas características que se poida visitar nunha cidade europea. Son as cousas que ten a historia colonial de África, envolta nun constante frenesí de idas e vidas.

E unhas rúas máis adiante, no único espazo aberto en medio da maraña de rúas e calellas, atopei a outra catedral de Stone Town, a anglicana, chamada Christ Church, construída por iniciativa do bispo Edward Steere, firme defensor da abolición da escravitude, xusto no lugar onde estaba o antigo mercado de escravos, símbolo da época máis terrorífica da historia da cidade.

Porque a gran prosperidade económica da illa de Zanzíbar non veu só do comercio das especias, o ouro, o marfil e a madeira, senón tamén do vergoñento negocio da compravenda de persoas traídas dende toda África oriental para ser transportadas en condicións infrahumanas a lugares de todo o mundo. 

Durante séculos, milleiros de homes, mulleres, nenos e nenas, os vellos non interesaban, foron traídos a pé, encadeados e moitas veces con grillóns, até o lugar onde está a actual cidade de Dar es Salaam, para logo seren transportados en barco até o porto de Stone Town, onde eran pechados nuns inmundos calabozos que a día de hoxe se poden visitar e foron quen de me horrorizar no máis fondo polos seus baixos teitos, que apenas permiten estar de pé, e pola práctica ausencia de luz e ventilación. Unha atrocidade sen parangón. 

Decidín saír do lugar tras visitar unha interesante exposición permanente que ilustra e denuncia o trato que recibían os escravos e, logo de visitar o monumento que se ergueu na súa honra e representa a cinco persoas metidas nunha foxa e enganchadas polo pescozo cunha cadea, comecei a camiñar porque necesitaba sentir de novo a pulsión da vida, e ningún lugar mellor para facelo que o mercado de Darajani, que no seu interior está pletórico de compradores e vendedores a intercambiar especias, froitas, verduras, carne, peixe e outros produtos que non fun quen de identificar, mentres que no exterior é un auténtico caos de persoas que venden todo canto se poida imaxinar, dende zapatos usados até material eléctrico ou fundas para móbiles. Paseino en grande e fun quen de quitar da cabeza as sensacións negativas que me producira o mercado de escravos.

Botei varias xornadas en Stone Town que me permitiron gozar varias veces da grandiosa experiencia de compartir o solpor e o comezo da noite coa multitude de persoas que decote se citaban na praia e nos xardíns de Forodhani, para comer algo do que se vendía nos postos de comida, ou simplemente para pasear e contemplar os xogos dos moitos grupos de adolescentes que competían entre eles por ver quen se mergullaba no mar do xeito máis acrobático. 

O derradeiro día da miña estancia na cidade dediqueino a visitar a illa coñecida como Prison Island, aínda que ten o nome real de Changuu, que significa “pesca,” e para chegar a ela aluguei unha lanchiña tripulada por un home encantador que se presentou como Captain Morocco e me deixou nunha lingua de area que constitúe unha praia impresionante.

A illa foi utilizada no pasado como desapiadada prisión para escravos rebeldes antes de ser transformada en lazareto para corentenas de navegantes que traían enfermidades contaxiosas, e posteriormente en residencia de gobernador de Zanzíbar, Sir Lloyd William Matthews, que deixou para a posteridade unha singular herdanza: un impresionante grupo de tartarugas xigantes que habitan na illa e son descendentes das catro que lle regalou en proba de amizade o gobernador de Seychelles, sendo parte do Imperio Británico ambos os dous lugares.

Cando abandonei Stone Town levaba na cabeza unha visión da cidade moi positiva, malia que non puiden visitar o primeiro lugar da illa en ter electricidade, a Casa das Marabillas, un elegante edificio construído polo sultán Barghash como palacio cerimonial no ano 1883, porque estaba en proceso de restauración, pero coa felicidade que me produciu visitar o que se coñece como Cultural Arts Centre Zanzibar, un centro socio-comunitario fundado por un grupiño de artistas nun edificio moi vello en fronte dos antigos baños turcos da cidade, que organiza obradoiros de artesanía con material reciclado para mozos e mozas con intención de promover a cohesión da comunidade local, unha magnífica iniciativa que foi quen de me contaxiar o entusiasmo de toda a mocidade que estaba no lugar e de me permitir abandonar Stone Town cunha boa dose de optimismo. 

© Xesús Constela, 2023