"Matria", de Berlín a Málaga: competirá na sección oficial do Festival de Málaga
Por Alejandro Espiño
Matria non deixa de dar satisfaccións ao cinema pontevedrés. Tras estrearse con gran éxito na Berlinale hai apenas uns días, a película de Álvaro Gago foi seleccionada para competir noutro dos festivais máis prestixiosos. Neste caso, algo máis preto de casa.
Será un dos vinte filmes que formarán parte da sección oficial do Festival de Málaga, que celebrará a súa vixésimo sexta edición entre os días 10 e 19 de marzo.
A proxección de Matria no marco deste festival, que reúne anualmente as estreas máis relevantes do ano do cinema español e latinoamericano, será o 11 de marzo. Haberá un pase matinal para prensa e público, no Cinema Albéniz, e outro vespertino, no Teatro Cervantes.
O público, que poderá ver a película na súa versión orixinal en galego subtitulada ao castelán, terá unha última oportunidade de vela o 12 de marzo, cun novo pase no Albéniz.
Entre os seus rivais na sección oficial do Festival de Málaga estará, entre outras, a película galega Sica, de Carla Subirana, que tamén se proxectou no Festival de Berlín.
Matria, rodada en Pontevedra e O Salnés e producida pola compañía pontevedresa Matriuska Producciones xunto a Avalon PC, Elastica Films e Ringo Media, está protagonizada pola actriz María Vázquez.
Ela encarna a Ramona, unha muller de corenta anos, que vive sumida nun contexto laboral e persoal tenso e precario nun pobo da costa galega.
Fai malabarismos con múltiples traballos para manterse á boia e proporcionar un futuro mellor á súa filla Estrella. Pero cando a moza está preparada para tomar o seu propio camiño, Ramona dáse conta de que, por primeira vez, pode facer algo por si mesma.
Relacionadas:
-
Gran acollida no Principal á proxección especial de 'Matria'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
María Vázquez: "Se non tes case para vivir, non tes liberdade para tomar decisións e saír de entornos tóxicos"
Por Alejandro Espiño |
-
"Matria" chega ao Festival de Málaga entre aplausos e o entusiasmo da crítica
Por Alejandro Espiño |
-
Éxito de "Matria" na Berlinale: "Foi unha experiencia de vida que gardo no corazón para sempre", di Álvaro Gago
Por Alejandro Espiño |
-
Álvaro Gago, director de "Matria": "Teño unhas ganas tolas de compartila e que a xente a faga súa"
Por Alejandro Espiño |
-
A Berlinale abre a porta ao cine pontevedrés: "Matria" de Álvaro Gago competirá no festival
Por Alejandro Espiño |