Música en directo 'made in Pontevedra' a cambio de alimentos e xoguetes, apúntaste?
Por Alejandro Espiño
Música gratis a cambio de alimentos e xoguetes. ÿ a proposta solidaria que fai un ano máis a Sala Karma de Pontevedra nesta época de Nadal. Será este xoves 26 de decembro, a partir das 12.00 horas. Celébrase unha nova edición da campaña Alimentos e xoguetes por música e maxia, coa que se pretende incentivar a cooperación e a solidariedade dos pontevedreses cos colectivos máis desfavorecidos.
Segundo explica Marcos Rivas, responsable da Sala Karma, "nun principio tiñamos pensado facer un parón na rúa con promotores e músicos", pero finalmente pensaron que a mellor opción era ofrecer concertos na sala durante todo o día. O prezo para escoitalos, un quilo de comida non perecedoira ou algún xoguete novo ou usado, pero en boas condicións. "Pero quen queira traer máis, será un pracer recibilo".
Todo o recollido neste evento será repartido entre todas as asociacións da cidade, a través da Redeaxuda e os servizos sociais do Concello de Pontevedra.
As bandas que actuarán este xoves na Sala Karma son:
- Gold & Colt
- Rodrigo Valiente
- The Grave Dolls
- Vortex
- Joao Tomba e a súa orchestra TDK Crome
- Querido Extraño
- Mr. Goatman
- Voltage
Ademais, na sala haberá un stand onde se poderá atopar discos ou CD de bandas da nosa cidade, un posto da coordinadora de protectoras de animais de Pontevedra ou varios espazos para creadores e deseñadores. E como será un día moi largo (os concertos rematarán contra as 23.00 horas) haberá comida cunha polbeira e pinchos e tostas variadas elaboradas por un cociñeiro.
Con esta iniciativa, a escena musical pontevedresa tamén quere reivindicar "o mal momento polo que pasa a música", especialmente coa suba do IVE "e agora coa prohibición de que os músicos toquen na rúa", sinalan desde a organización.