Montse Fajardo, Tamara Andrés e Fran Alonso animarán aos escolares a ler máis
Por Redacción
Ata dezaoito encontros literarios promove en Galicia o Ministerio de Cultura e Deporte para animar a que os estudantes de institutos de ensino secundario collan o hábito da lectura. E tres desas citas serán en centros da área de influencia de Pontevedra.
Este programa promove os encontros directos entre os autores coa poboación escolar fomentando o coñecemento da obra e o intercambio de experiencias co alumnado. É unha iniciativa que se estenderá ata o próximo mes de maio.
Son os centros educativos os que propoñen o encontro e o ministerio, una vez aceptada a solicitude, asume o custo económico derivado do mesmo.
O obxectivo desta iniciativa é achegar aos mozos á lectura de calidade e, ao mesmo tempo, contribuír a difundir a obra e a actividade creadora dos autores.
Así, o alumnado ten a oportunidade de coñecer de preto o traballo de narradores, poetas, dramaturgos, ilustradores ou tradutores e estes tomar o pulso dos intereses dos lectores máis novos.
Na área de Pontevedra o primeiro destes encontros será o que protagonice a escritora e xornalista Montse Fajardo, que visitará o IES de Barro o próximo 6 de marzo.
As outras dúas citas estarán centradas na poesía. Serán as que teñan Tamara Andrés no IES Sánchez Cantón de Pontevedra o 21 de marzo e a de Fran Alonso, que visitará o 31 de marzo aos estudantes do IES de Sanxenxo.