"El Pazo de Lourizán", finalista do IV premio de novela histórica Escritores coa Historia
Por Redacción
A obra "El Pazo de Lourizán" da autora marinense, Lola Fernández Pazos, foi unha das finalistas no IV premio de novela histórica Escritores coa Historia.
"Los cautivos de Castilnovo", de José Manuel Salga Martí impúxose como a novela histórica gañadora que será premiada na Semana de Novela Histórica que se celebra en Madrid nos vindeiros días.
Para a xornalista económica e agora tamén escritora, Lola Fernández Pazos, "ser finalista dun certame tan prestixioso como o premio de novela histórica Escritores coa Historia apoia o gran esforzo e tempo dedicado á documentación e elaboración da novela para lograr recoller a esencia e rigor dun lugar tan emblemático para os pontevedreses como é o Pazo de Lourizán e o seu artífice Eugenio Montero Ríos".
A súa novela foi publicada no selo HarperF Historias en feminino, da Editorial HarperCollins Ibérica.
O xurado integrado por Antonio Pérez Henares, Isabel Sansebastián, Almudena de Arteaga, Juan Eslava Galán, Vitoria Wharrier, concelleiro de Cultura de Pozuelo de Alarcón e Avelina Tojo, presidenta e directora do Padroado Municipal de Cultura sen voto, elixiron cinco obras finalistas: "El Pazo de Lourizán", de Lola Fernández Pazos; "El Siglo", de María Begoña González; "Nadie lo sabe", de Tony Gratacós e "Los cautivos de Castilnovo", de Manuel Sala Martí, sendo esta última vencedora do Premio.
A trama principal de "El Pazo de Lourizán", ambientada a principios dos anos trinta e inspirada en feitos reais, conta a historia dunha poderosa familia industrial pesqueira da zona que ve como a Guerra Civil pon en liza o seu patrimonio e a súa honra.
"El Pazo de Lourizán" responde por todos os seus ingredientes ao xénero de saga familiar: narra a vida dunha familia rica da alta sociedade galega, dona dun imperio industrial pesqueiro e residente nun fermoso palacio, que esconde unha historia de amor prohibido entre distintas clases sociais, co fondo dun conflito bélico, detonante do silencio e o enigma que tras xeracións a pequena Lúa tentará desvelar.
Esta é a primeira novela de Lola Fernández e está inspirada na historia da súa propia familia.