O dicionario da Real Academia Galega está continuamente actualizándose. Resultado desta dinámica, o ano 2022 pechou con case catrocentas novas entradas, ampliacións e modificacións. Coñecemos este traballo diario xunto ao seu director, Manuel González González, que é tamén coordinador dos seminarios de Lexicoloxía e Terminoloxía.
Explica no podcast 'Cara a cara' que se van incorporando, modificando e suprimindo termos mensualmente: "o dicionario ten que obedecer ás necesidades de comunicación que ten a sociedade e a sociedade cambia a diario, aparecen conceptos novos que é necesario denominar".
O pasado ano fixéronse 35 millóns de consultas. Á pregunta de se son sintomáticas do uso da lingua galega, González indica que "non significa que a lingua habitual sexa o galego porque non nos podemos levar a engano. O incremento do número de consultas non é semellante ao seu uso como lingua de comunicación social".
Tamén falamos sobre que tipo de suxerencias ou demandas expoñen os usuarios, da incorporación de extranxeirismos ao galego, ou da que foi elixida como palabra do ano: 'comadre', que estivo moi seguida da acepción 'ecocidio'. Outra novidade que sinalamos é a nova aplicación para móbiles que simplifica a actualización de termos respecto a a anterior versión.
Para escoitar o programa completo só tes que pulsar na ligazón a PontevedraViva Radio que aparece baixo esta información.