A historia de Europa narrada dende Vilagarcía: 'Elefantes y hormigas'
Por Anxo Lourido
A Fernando Salgado coñéceselle como un xornalista e escritor afeito a escoitar máis que a falar. El admíteo: "debería ser o noso oficio. Deberiamos escoitar, máis que falar. Se está deformando todo un pouco".
Precisamente, o seu traballo xornalístico que desenvolve no Diario de Pontevedra permitiulle chegar ao personaxe que agora protagoniza Elefantes y hormigas, o seu primeiro libro. "Foi buscando a reportaxe da fin de semana. Escoitei que había un home en Vilagarcía que estivera nun campo de concentración pero daquela non o localicei. Pasado o tempo souben do seu apelido. Se me dixeran González ou Martínez non me diría nada pero se te din Patachiuta... así me dei conta de quen era". O home ao que Fernando buscaba era Julio Patachiuta, propietario dunha cafetaría na rúa da Baldosa, un loitador que agora conta con 83 anos e que naceu nunha zona montañosa de Macedonia, en Pindo (Grecia). A mirada de Julio recolle a historia da Europa do último século a través de distintos escenarios. "Busquei a súa casa. A miña idea era facer unha reportaxe cunha esvástica, con alambradas. Pero foi comentarlle o que quería, pórlle a gravadora e deixalo falar durante dúas horas", conta Salgado, quen afirma que cando rematou "deime conta de que estabamos na superficie de algo, que había moitísimas cousas máis por contar".
A partir de abril de 2012, o xornalista comezou a visitar a casa de Julio Patachiuta polo menos unha vez á semana: "El fai moi bo café e pancakes e eu dedicábame a bebelo e a comer", confesa cun sorriso Fernando que resume así como foi o proceso de recollida de datos: "Julio tiña ganas de falar e de ser escoitado e eu tiña ganas de escoitar". Coa gravadora enriba da mesa, Julio contaba a historia da súa vida dun xeito desordenado, intentando facer memoria de situacións polas que pasara 60 anos antes. "Ía para adiante para atrás. Estabamos en Grecia, Italia, Canadá, en Estados Unidos, Buenos Aires... Eu ía atrapando todo porque dábame a impresión de que se podía ir como auga entre as mans", explica o autor.
As desventuras da vida de Julio Patachiuta comezaron cando, sendo un neno, queimaron as tendas do pai en Macedonia. Aí comezou o desastre económico da familia que pronto se viu afectada por un incendio por parte dos nazis que provocou a desaparición da nai de Julio. O seu irmán maior foi vítima dos partisanos pro-británicos e a familia trasladouse ata Tesalónica para vivir nunha casa prestada na que apareceron os nazis para trasladalos a un campo de concentración. "Parece que foi unha das moitas confusións que se produciron na guerra", afirma Fernando Salgado.
Ao longo de Elefantes e hormigas, Julio narra as súas experiencias como neno no cofinamiento nazi, o seu paso como vendedor de tabaco en prostíbulos de Italia; a emigración a Arxentina; o seu percorrido por medio mundo ata que coñeceu anos de bonanza en Canadá ou como descubriu o seu nome orixinal Stergios Patakioutas Skrimbas. O xornalista foi despois contextualizando a vida do protagonista con datos históricos: "Nunha ocasión baixa en Norfolk (Virginia) e dille ao capitán que non vai volver nese barco. Marcha co cociñeiro, que era negro, a tomar unha cervexa. No bar onde entraron non querían servir ao cociñeiro. Entón montou bulla e servírono. Foi un par de anos antes de que Rosa Parker se negara a baixar dun autobús porque era negra. Negárase a deixarlle o asento a un branco. Isto serve para entender o que fixo este home".
JULIO PATACHIUTA CHEGA A VILAGARCÍA
O protagonista desta historia coñeceu Vilagarcía grazas a súas muller. "ÿ o amor o que explica tantas cousas" asegura Fernando, "se foi de Europa nun barco de guerra americano que levaba refuxiados cara Arxentina. Estivo traballando no mar e nas pieles. Un día, entrou nunha cafetería e atopou a unha rapaza que lle gustou moito. Era Angélica Ferrín e a terceira vez que se viron, xa casaron". Así naceu o vínculo entre un grego de Macedonia e unha galega de Vilanova. Trasladáronse a Arousa a principios da década dos 90, segundo comenta o escritor "el estaba por marcharse para Miami pero a muller e o fillo tiraron por Vilagarcía".
Elefantes y hormigas recolle o seu título dun refrán que, con frecuencia, utilizaba a irmá de Julio: "Ti deixaches pasar os elefantes e quedaches coas formigas", trátase, segundo Salgado, dun reproche polos negocios que non obtiveran éxito pero tamén porque "cando os Stukas alemáns destrozaban os camións do exército inglés en retirada, el era un rapaz de dez anos, con pantalón corto e se sentía como unha formiga".
Pero o título podería ter sido 'Maldita Europa'. E é que segundo o autor, Patachiuta renega do continente porque para el "é un sinónimo de desgrazas, de miserias, de desastres e de morte". Na presentación que se realizou no Grove, o protagonista do libro afirmaba sentir medo pola situación actual de Europa. O próximo venres 20 de decembro, Fernando Salgado presentará o libro na Galería Sargadelos de Pontevedra e o venres da seguinte semana farao en Vilanova de Arousa. "Tamén chamáronme dalgúns institutos porque hai profesores aos que isto lle gusta e é unha experiencia moi interesante porque o que conta Julio é unha lección de historia impagable", , indica Fernando Salgado que se mostra moi satisfeito co resultado deste traballo autoeditado e que está a sorprender lectores de todas as idades.
Relacionadas:
-
Fernando Salgado presenta '¿Qué miras?' en Cuntis con Susi Maquieira, protagonista do libro
Por Redacción |
-
Fernando Salgado presenta en Pontevedra a súa terceira novela '1306/36', na que rescata a historia de Pancho Varela
Por Redacción |
-
O xornalista Fernando Salgado presenta en Marín o seu novo libro: 'El humo del diablo'
Por Redacción |