Dan Millson inclúe Pontevedra na xira de presentación do seu disco debut
Por Alejandro Espiño
Pontevedra é unha das cidades que se incorporan á xira que o artista británico Dan Millson deseñou para presentar o seu disco debut, Half Way There. Actuará na Sala Karma o vindeiro sábado 28 de xaneiro, ás 22:00 horas.
Así o avanzou a compañía Jane The Planet, que dirixe a carreira deste músico afincado en España, que pasará tamén pola Coruña, Lugo e Vigo dentro da súa estancia en Galicia.
Dan Millson, que co seu intenso e emotivo directo situouse entre os referentes da escena indie folk en España, é un artista con influencias que van desde os sons folk de Mumford & Sons ata artistas como Tom Walker e Lewis Capaldi.
En 2017 editou o seu primeiro EP, Little Box of Treasure, ao que lle seguiron varios temas soltos -entre eles Shine a Light para unha campaña da DXT- durante os seguintes anos ata que, no medio da pandemia, lanzou dous EP escritos, gravados e mesturados na súa casa.
A súa voz rachada, o seu estilo folk e a súa guitarra forman a personalidade que hoxe en día representa a este artista que, a principios deste ano 2022, puido publicar o seu primeiro disco, Half Way There.