As orixes do asociacionismo cultural galego, a exposición en Turismo Rías Baixas
Por Redacción
A sede de Turismo Rías Baixas, na avenida de Santa María, acolle ata o próximo 13 de xaneiro a exposición Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975). Ten como propósito dar a coñecer a historia das asociacións culturais en Galicia durante os últimos 15 anos de ditadura franquista, así como poñer de manifesto a importancia do seu labor no proceso de recuperación e dignificación da cultura galega.
Este proxecto expositivo, organizado polo Consello da Cultura Galega e a Fundación 10 de Marzo, sitúa o seu punto de partida en 1961, ano de creación de O Galo, a primeira asociación cultural galega, e desenvólvese a través de 22 paneles explicativos e vitrinas que ofrecen ao espectador unha perspectiva dos comezos do asociacionismo e da posterior posta en marcha de diferentes asociacións como O Facho ou Abrente.
A mostra reflexa como este asociacionismo axudou á recuperación e promoción do galego nas principais cidades e a actividade cultural no exterior. Reflicte tamén o papel da actividade asociativa na dinamización do teatro galego, a aparición de novas editoriais, revistas e librerías especializadas, a política, a música, o cartelismo sociopolítico, o emprego do galego na radio ou o cine, na liturgxa ou na creación de cineclubes.
Todo iso sen esquecer a importancia do papel desempeñado polas persoas que co seu esforzo crearon un novo escenario para a cultura galega: escritores, estudantes, intelectuais, editores, creadores e xentes de todo tipo que participaron nunha empresa colectiva sen a que hoxe non se entendería a cultura en Galicia.
O proxecto complétase coa edición dun catálogo, deseñado, do mesmo xeito que o concepto expositivo, por Xosé Díaz, no que diferentes autores analizan as distintas facetas do legado das asociacións culturais galegas e a súa impronta no tecido cultural do noso país.
Este libro-catálogo conta con textos de Antón Santamarina, Henrique Harguindey, Camilo Nogueira, Xosé María Palmeiro, Xosé Luís Chao, Xosé Carlos Sierra, Lalo Gutiérrez, Manuel Lourenzo, Tino Caamaño, Alfonso Vázquez Monxardín, Antón Costa, Miguel Anxo Seixas, Manuel F. Rodríguez, Euloxio R. Ruibal, Elías Torres, Martinho Montero, Luís Álvarez Pousa, Xesús Alonso Montero, Malores Villanueva e Manuel Caamaño.
Comisariada por Ricardo Gurriarán, Un canto e unha luz na noite é o resultado dun traballo de investigación que durou ano e medio, grazas ao que se recompilaron e dixitalizaron máis de vinte mil documentos, depositados no Consello da Cultura Galega para a súa consulta.