Wladimir Dragossan: "John Balan e eu somos dous adiantados ao noso tempo"
Por Anxo Lourido
Rafael Pintos ou o seu alter ego, Wladimir Dragossan, viste un elegante traxe e séntase tras unha mesa, bolígrafo en man para asinar o seu ultimo traballo literario. Nesta ocasión abandonou temporalmente a poesía para centrarse nunha biografía que desexaba ver nos estantes das librarías. ÿ unha homenaxe ao seu amigo Manuel Outeda, coñecido popularmente como John Balan, o home orquestra nacido en Marín e falecido en 2008. Os primeiros recordos de Wladimir sobre a figura do vaqueiro de Seixo remóntanse á súa infancia.
Wladimir: A relación comeza porque eu son neto de don Román, o mestre de Seixo. Eu medrei en Seixo dende moi pequeno e Balan, dende os anos 50, frecuentaba a casa dos meus avós porque lles levaba as cubetas do comercio. A miña avoa tiña un comercio de teas e entón traíalles as cubetas dos viaxantes e ademais cortáballe a viña para a cociña. E entón xurdiu unha amizade moi grande dende neno cando eu xogaba no xardín. Ía visitalo á súa casa, el viña a visitarnos a nós. Era algo mutuo, recíproco. E, logo pasados os anos, xa como artistas a nivel público coincidimos os dous como dúas lendas locais na Televisión de Galicia. Este matrimonio, por dicilo así, é consecuencia de Suso Iglesias ao que lle pareceu unha boa idea facer un tour para que os turistas soubesen os lugares que había nas Rías Baixas interesantes. E entón, eu creo que cando vin a película, a serie de Vincent Price, O Doutor Goldfoot e a súa máquina de facer bikinis na que tamén aparecía un sidecar conducido por un personaxe con capa me recordou o que fixeramos. Pero nós fixemos un tour moi distinto, disparatado, surrealista e moi interesante.
- E coa publicación desta biografía, Wladimir salda unha débeda histórica que entende que a sociedade galega tiña con Balan?
W: A idea de facer unha biografía xorde desa amizade intensa, desa experiencia como pioneiros actores de TVG, dunha recén estreada TVG nos anos noventa e como performance, cada un dende o seu alter ego, dende o seu personaxe e co dandismo que nos personaliza. Entón eramos algo exótico nunha Galicia que, naqueles momentos tanto no seu caso coma no meu, resultaba gris. Un ámbito gris, represor da identidade, da liberdade de expresión, da idiosincrasia persoal e entón como creadores, como artistas, como performances, nós achegamos o noso gran de area. Eu pídolle a John a posibilidade de dignificar e perpetuar a súa memoria que foi o obxectivo que se conseguiu.
John Balan traballou no Circo Price, con Fernando Esteso, con Juanito Navarro e cantoulle a Lola Flores
- Parece que se coidou ata o mínimo detalle na publicación cunha portada que é toda unha referencia a un dos seus números máis coñecidos.
W: A editorial Teófilo tivo o acerto de facer unha edición de luxo á altura do personaxe cunha tapa de madeira que é unha imitación da porta que el habitualmente tocaba como showman e non me cabe a maior satisfacción que dicir que a biografía, segundo o autor do prólogo Xabier Fortes, está moi ben escrita e moi ben editada. E polo tanto, espero que sexa un desfrute para todos os lectores que poidan así coñecer mellor este paisano de Seixo, do que moitos pensaban que era un home que non tiña máis encanto, máis graza, máis estilo ou máis arte que arrimarse ao mostrador dun bar para facer algunhas grazas e gañar un diñeiro ou un bocadillo. Pero el traballou no Circo Price, traballou con Fernando Esteso, e levantárono en loor de multitudes na praza de Valencia, estivo con Juanito Navarro, cantoulle No te cortes la melena a Lola Flores...
- E como era no trato persoal?
W: Era un home sinxelo, un home accesible a todo o mundo, aberto, divertido, capaz de rir de se mesmo e daqueles que se rían del tamén, creo que tamén era un home forte porque a vida lle curtira pero tamén moi sensible porque, ás veces, el entendía que non se lle fixera xustiza e a ingratitude, iso tamén o penso eu ás veces, de vivir en Galicia porque non nos entenderon, non nos valoraron debidamente e fóra do país vimos un maior recoñecemento e un maior respecto ao noso traballo. Afortunadamente co tempo iso estase a adquirir outra conciencia dos que neste país con tantos esforzos fixemos algo partindo da nada como autodidactas, como pioneiros e é un labor de tempo, pero estamos agradecidos.
- Non obstante, durante os seus últimos anos tras sufrir unha trombose e ser acollido na residencia de anciáns, notáballe vostede algún indicio de resentimento por non obter o éxito que perseguía?
W: Un pouquiño resentido si que estaba porque vía que o seu gran sono de ter sido unha figura de que o seu talento non fora entendido. Hoxe hai moitos monologuistas que están por aí funcionando, performances, actores de televisión pero... mesmo de dobraxe, el tería sido un grande actor de dobraxe e foi pioneiro de todo isto e nos anos corenta e cincuenta mesmo facéndoo en público. Hoxe é moi común pero daquela non era tan habitual.
- Era, polo tanto, un precursor?
W: Adiantouse ao seu tempo. En ambos os dous casos, porque eu, tamén modestia á parte, fun pioneiro do mundo gótico. Hoxe está moi de moda o tema dos vampiros, mil libros de vampirismo, as películas... e eu fun un gótico temperán reivindicando unha filosofía e o mito do vampiro que coñezo moi ben.
- Volvendo a Balan, imaxino que cando traballaron xuntos viviron experiencias divertidas?
W: Si, houbo varios momentos. Eu non conducía e entón, nunha desas escenas da TVG no sidecar, a moto ía sen freo e co motor apagado. Eu dirixíame a conducir a máquina e pola inercia propia fóiseme o sidecar da estrada e rematamos os dous tombados nun campo de patacas, cos pés cara a arriba. E durante a rodaxe, el non estaba habituado a memorizar os guións e, nunha ocasión, tiña que dicirme: "Vladimir, a modiño, que acabas de nacer e xa estás estresado" e confundíase e dicía: "Vladimir, a modiño, que acabas de nacer e xa estás estreñido". Situacións graciosas vivimos un montón.
- Un dos seus momentos inesquecibles foi a viaxe que realizou a Nova York a través de Televisión Española.
W: Foi grazas a Anxo Peláez que o leva ao programa Vivir cada día e viaxou a Nova York. Sorprendeuse el e todo o equipo porque alí el era un máis, estaba perfectamente imbuído. Había centos de John Balan por alí pero el era o noso John Balan, o noso vaqueiro de Seixo.
- E cre vostede que Wladimir quedará no recordo dos pontevedres?
W: Comprar esta biografía e lela é a mellor homenaxe que se lle pode facer a John Balan para telo en mente, telo presente. Queremos facerlle unha estatua tamén de bronce para a que se está a estudar un lugar de instalación e os medios para poder realizala. Todo se andará.
- Onde están a pensar instalar esa estatua?
W: Sería sempre dentro da cidade de Pontevedra porque foi onde el realizou, principalmente, o seu labor artístico e onde obtivo o seu recoñecemento.
E Wladimir Dragossan quere seguir mantendo o recordo do grande home orquestra, por iso apresúrase a atender a unha moza que, na libraría Cronopios, se lle aproxima cun exemplar do libro John Balan, un yanqui en la corte de Breogán para solicitarlle unha firma gótica.