"El mago de Oz" e "The Beauty and the Beast", dous musicais para toda a familia na carteleira do Nadal
Por Redacción
El mago de Oz regresa a Pontevedra. A quinta tempada do musical, que presenta un renovado repertorio de cancións e actuacións en directo, volve á carteleira pontevedresa. Dorothy, Espantapájaros, Hojalata e León emprenderán unha nova aventura en busca do misterioso mago e farán as delicias do público máis novo o vindeiro venres 3 de xaneiro, ás 17.30 horas, no Centro Social Novacaixagalicia.
A historia é a de sempre, pero contada como nunca. Dorothy, unha nena que vive nunha pradeira de Kansas, é transportada por un tornado ata o mundo de Oz. O que ela máis desexa é volver a casa. Para conseguilo terá que chegar a Cidade Esmeralda para ver ao Mago de Oz, un misterioso home cos poderes necesarios para enviala de volta. Polo camiño atopará a uns aliados moi especiais: un espantallo sen cerebro, un home de lata sen corazón e un león cobarde.
Con todo, a malvada Bruxa do Oeste fará o posible por arrebatarlle os zapatos de rubíes que a súa protectora, o Hada Glinda, regaloulle para poder chegar a salvo. Aínda que nesta versión nada é o que parece. Humor, aventuras, maxia, sorpresas e música, coas mellores voces e un amplo repertorio de cancións, entre elas a versión do soado Detrás del arcoiris. A iso hai que engadir o excepcional traballo de maquillaxe e caracterización.
THE BEAUTY AND THE BEAST, O 28 DE DECEMBRO
Un par de días antes, o 28 de decembro ás 17.30 horas, o Centro Social Novacaixagalicia acollerá a representación de The Beauty and the Beast, unha aposta da compañía You Are the Story, especializada en teatro didáctico en inglés para nenos, para mozos e para toda a familia. Un novo concepto de lecer que pasa por gozar dunha obra de teatro, integramente en inglés, practicar, entender e ademais divertirse coas cancións do musical e ata ser actor por unha tarde.
The Beauty and the Beast é un clásico renovado que pon seis personaxes en escena con só dous actores. Expertos condutores deste tipo de teatro educativo, guiarán á perfección ás improvisadas personaxes. Actores nativos que se adaptan ao público da sala. A historia vivímola desde o punto de vista de Bestia, 200 anos despois de recibir o feitizo que o transformou. Namorado de Bella, desexa por todos os medios romper esa maldición.
As entradas para ambos musicais xa se poden adquirir a través de www.servinova.com. El mago de Oz ten un prezo de 14 euros, mentres que cada pase para The Beauty and the Beast custa 10 euros.