Este sábado 10 de decembro o Espazo Nenomon de Villa Pilar acolle a súa última actividade pública. Trátase dunha conferencia organizada polo Ateneo e que correrá a cargo do artífice precisamente deste lugar, o arquitecto Mauro Lomba. A proposta enmárcase no ciclo que co epígrafe 'Arte e natureza' reunirá a profesionais de diferentes disciplinas e que arrincan con este arquitecto.
Anecdóticamente, como apunta Lomba en PontevedraViva Radio, "durante estes dez anos, aínda que participei e gocei de máis de trescentos eventos culturais aí, é a primeira vez en que vou dar unha conferencia". Tras falar sobre arquitectura e natureza, tamén explicará o novo ciclo que vai iniciar: "baixar a pé de rúa, a un local no centro histórico, no Camiño Portugués. Vou ser un artesán máis da cultura e a arquitectura entre o comercio local".
O novo proxecto manterá o mesmo nome, acollerá o seu estudo de arquitectura e seguirá sendo un espazo cultural. "Cando proxectas, aínda que sexa para tí mesmo, tes que coidar a relación cos teus veciños, coa túa cidade, para que transmita a nosa cultura e saber facer. Estar a pé de rúa vai permitir ver que os arquitectos somos persoas normais, que quen somos inquietos cultivámonos de forma transversal e que calquera disciplina dános novas ideas e permítenos responder ao que demandan os clientes de forma máis humanística", avanza neste 'Cara a cara' que xa podes escoitar ou descargar.