Eva Mejuto gaña o premio Barriga Verde para teatro de monicreques para público infantil
Por Redacción
O XVI Premio Barriga Verde para textos de teatro para monicreques foi para Eva Mejuto por ‘Os contos de Lobicán’. É unha historia en verso, áxil e atrevida, que busca darlle a volta aos contos clásicos.
Ademais da súa linguaxe e estilo, o ditame do xurado incide na proposta estética, cunha concepción plástica que "reforza o universo tradicional de referencia sen deixar de poner solucións relacionadas con tendencias escénicas máis actuais".
Doutora en Xornalismo, a sanxenxina Eva Mejuto posúe unha ampla experiencia nos ámbitos editorial e da xestión cultural. Como escritora, conta con numerosos títulos editados entre adaptacións de contos ao formato de álbum ilustrado e novelas para público xuvenil. De feito, en 2021 recibiu o premio das Bibliotecas Escolares como a autora máis lida do ano e a súa obra 'Neko' foi recoñecida como mellor obra infantil nos Premios Follas Novas.
A Xunta de Galicia deu a coñecer este mércores as obras gañadoras dos tres premios de literatura dramática que convoca bienalmente co obxectivo de servir de estímulo á creación literaria en galego no eido teatral.
O XXVI Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais recaeu en Fernando Castro Paredes polo monólogo 'O traxe', mentres que Ana Carreira obtivo o XII Manuel María de literatura dramática infantil por 'Nin me amoles' e o XVI Premio Barriga Verde, na modalidade de adultos a José Luis Baños por 'Nas nubes'.
O Salón Teatro de Santiago acolleu este mércores o acto de comunicación e entrega destes galardóns.