Música e ballet clásico fusiónanse no Nadal pontevedrés
Por Redacción
O ballet clásico volve ao Pazo da Cultura con motivo dos dous espectáculos en que o Ballet de Galicia vai participar coa Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.
O 28 de decembro ás 21.00 horas o auditorio do Pazo acolle 'Serán Clásico', unha mostra de ballets de repertorio clásico con pezas de Delibes ou de Tchaikovsky como a suite de 'O lago dos cisnes', composto do paso a tres do primeiro acto e o paso a dous do Cisne negro para rematar cun gran valse interpretado por todos os membros da compañía.
O 1 de xaneiro ás 19.00 horas no mesmo escenario chega outro clásico do Nadal, o Concerto de Aninovo no que como é habitual se interpretarán os tradicionais valses e polcas de Strauss. Nesta ocasión, segundo explicou o presidente da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, Ignacio García, haberá un director invitado, Maximino Zumalave, que mesmo ofrecerá algunha obra de Bach.
Ignacio García destacou que o resultado destes espectáculos de produción galega "no tienen nada que envidiar a cualquiera que venga de fuera. Se trata de un repertorio de gran calidad".
As entradas para os eventos xa están á venda anticipadamente en Servinova ou no teléfono 902.504.500 a un prezo de 12 euros para público en xeral e 10 euros para estudantes, parados e xubilados. No caso de esgotarse as entradas, poderán mercarse na billeteira do Pazo da Cultura dúas horas antes.